Inditex aproba o plan de incentivos dos seus directivos
Inditex aproba o plan de incentivos dos seus directivos
A compañía celebra xunta de accionistas tras un ano de beneficios récord
Marta Ortega atribúe á "maxia de Inditex" o éxito nun exercicio tan complexo
Inditex gañou en 2022 máis de 4.100 millóns de euros, un 13 % máis que no último ano antes da pandemia. Son cifras récord que chegan ademais nun ano marcado pola guerra de Ucraína e os seus efectos na economía mundial.
Óscar García Maceiras, conselleiro delegado, explicaba: "Estes resultados obtivémolos nun ano particularmente complexo, onde houbo unhas fortes tensións en materia de inflación e onde tomamos a decisión de proceder ao cesamento definitivo das nosas operacións en Rusia".
A xunta de accionistas aprobou as remuneracións dos directivos da compañía para os vindeiros tres anos. García Maceiras cobrará dous millóns e medio de euros anuais, ademais doutras retribucións variables por obxectivos.
Ademais, en novembro pagarase o resto do dividendo anual, 60 céntimos por acción.
A presidenta da multinacional Marta Ortega salientou: "Durante estes meses enfrontámonos a numerosos retos e desafíos, algúns totalmente imprevisibles, que se superaron grazas ao que chamamos a maxia de Inditex. Esta maxia é o traballo en equipo e os nosos valores".
O grupo presentou un plan para reducir un 50 % as súas emisións contaminantes en 2030, aumentando o uso de fibras procedentes da reciclaxe e apostando polas enerxías renovables. O obxectivo é acabar coas súas emisións netas de CO₂ en 2040.