Publicador de contidos
Publicador de contidos

Inditex e Mercadona, exemplos de adaptabilidade e liderado nos seus respectivos sectores, por María Bastida

OPINIÓN

Inditex e Mercadona, exemplos de adaptabilidade e liderado nos seus respectivos sectores, por María Bastida

G24.gal 14/03/2024 08:13

O inicio do ano é un período clave para avaliar a evolución económica, marcado pola publicación de indicadores do exercicio precedente, como o PIB, a EPA e o IPC. Máis aló destes datos macroeconómicos, a atención de analistas e investidores sitúase tamén na presentación de resultados das empresas, que ofrecen unha visión pormenorizada do seu rendemento no ano anterior. Neste contexto, esta semana vimos cifras impresionantes de dúas das nosas empresas de maior proxección e relevancia, Inditex e Mercadona, ambas as dúas exemplo de adaptabilidade e liderado nos seus respectivos sectores. Os seus resultados son un reflexo destas características, sintetizando un modelo de negocio con visión de futuro.

Inditex, o coloso galego da moda, rexistrou un beneficio neto de 5.395 millóns de euros, o que supón un aumento do 30,3 % respecto ao ano anterior. Estes números constatan a capacidade do grupo para sobrepoñerse á incerteza dos exercicios máis recentes, marcados pola volatilidade dos mercados e o cuestionamento das cadeas de subministración. Parece obvio que Inditex teceu unha rede global de marcas que, hoxe en día, marcan o paso da industria, cunha probada capacidade de anticiparse aos xiros do comercio e ás preferencias dun consumidor cada vez máis informado, esixente e volátil. Inditex sabe ler as tendencias da moda, pero tamén as do propio comercio e da súa imparable carteira de clientes, optimizando os seus procesos e incluíndo sen présa nin pausa unha liña estratéxica marcada pola sustentabilidade. Unha marxe bruta que crece un 11,9 %, ata os 20.762 millóns de euros, constata o axuste da maquinaria interna dunha empresa que logrou que o seu crecemento en vendas supere o aumento dos gastos de explotación, sinal claro dunha estratexia de expansión que non sacrifica rendibilidade.

O mercado bolsista soubo entender estes datos, certificando un incremento do valor das accións de Inditex do 7,74 %, que as sitúa en máximos históricos e fortalece o protagonismo de Inditex no Ibex 35. Non podemos esquecer que na bolsa a “moeda” máis habitual é a confianza, e Inditex emerxe como unha aposta segura e rendible. A firma galega non xoga ao azar, ten un plan. E, probablemente, o verdadeiro triunfo de Inditex radica na súa visión de futuro. A empresa anunciou investimentos por un valor próximo aos 1.800 millóns para 2024, dirixidos a fortalecer a súa presenza comercial e potenciar a súa plataforma en liña, demostrando que comprende a necesidade de evolucionar constantemente. O inicio do exercicio fiscal deste ano proxecta un crecemento de vendas do 11 %, o que supón a promesa de continuar transitando a senda da superación constante. Unha senda onde o xigante téxtil continúa a súa marcha, mentres o mundo mira e aprende.

Asemade, Mercadona, líder da distribución en España, segue o seu propio camiño de éxito. Cun aumento do 40 % no seu beneficio neto, que alcanza os 1.009 millóns de euros, a cadea valenciana encarou o que o seu presidente Juan Roig denominou unha "brutal transformación", que abarca desde a recolocación e modernización das súas tendas ata un enfoque na eficiencia e a sustentabilidade, pasando pola súa aposta de presenza en Portugal, que lle reportou 1.403 millóns de euros en vendas. Os efectos destas transformacións materializáronse non só nos resultados, senón nos máis de 5.000 empregos creados entre España e Portugal. Ademais, a empresa demostrou a súa capacidade de adaptación na era dixital, conseguindo que a súa canle en liña, que rexistraba perdas, represente agora o 2 % da súa facturación total.

A estratexia de Mercadona vai máis aló da expansión e o crecemento, céntrase tamén no compromiso coa sociedade e o medio ambiente. Á luz da inflación e a presión sobre o sector agrícola, a empresa realizou axustes nos prezos, consciente do seu papel na cadea de valor alimentaria e o seu impacto na vida cotiá de millóns de consumidores. Esta política de prezos xustos, sumada á creación de emprego, demostra a súa aposta pola responsabilidade social. E, o que é máis interesante, que a dita aposta non está rifada co éxito financeiro.

En definitiva, estes resultados supoñen que Inditex e Mercadona transcenden o seu papel protagonista no sector empresarial español para configurarse como actores clave no panorama económico global. Ambas destacan polo seu liderado, a súa xestión eficaz, a súa capacidade de innovación e o seu compromiso coa responsabilidade social. A súa influencia esténdese internacionalmente, sexa pola súa presenza dominante na industria da moda ou como un actor esencial no sector da distribución alimentaria. Ambas demostran que a iniciativa privada pode influír positivamente no tecido económico, contribuíndo ao desenvolvemento económico. E as dúas establecen estándares elevados para o sector privado en España. Veremos se alcanzables.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade