Publicador de contidos
Publicador de contidos

Inditex gaña 1.168 millóns de euros no seu mellor primeiro trimestre, un 54 % máis

Inditex gaña 1.168 millóns de euros no seu mellor primeiro trimestre, un 54 % máis

Obtivo unha cifra de vendas por encima de 7.600 millóns, un 13 % máis en taxa interanual

Inditex atribúe resultados do primeiro trimestre á forte produtividade das tendas

G24.gal 07/06/2023 07:48

A multinacional de moda Inditex, que aglutina marcas como Zara ou Pull&Bear, rexistrou un beneficio neto no seu primeiro trimestre fiscal, de febreiro a abril, de 1.168 millóns de euros, un 54 % máis que no mesmo período de 2022, o cal supón o mellor arranque de curso.

Segundo as contas remitidas este mércores á Comisión Nacional do Mercado de Valores, a compañía que preside Marta Ortega obtivo unha cifra de vendas por encima de 7.600 millóns, un 13 % máis en taxa interanual, e un beneficio bruto de 2.195 millóns de euros, un 14 % superior.

O Consello de Administración de Inditex propoñerá a aprobación dun dividendo de 1,20 euros por acción en dous pagos: 2 de maio e 2 de novembro deste mesmo ano

Inditex atribúe resultados á forte produtividade das tendas

Inditex atribuíu o beneficio neto récord de 1.168 millóns de euros no seu primeiro trimestre fiscal (un 54 % máis de febreiro a abril) á "forte produtividade” das tendas “máis aló do crecemento da superficie comercial", segundo o director de Mercado de Capitais da compañía, Marcos López.

Este directivo explicou ante os analistas que o crecemento deste trimestre procede, fundamentalmente, das vendas obtidas nas tendas en comparación con períodos anteriores.

A multinacional de moda disparou as súas vendas por encima de 7.600 millóns (13 % máis en taxa interanual) no seu primeiro trimestre fiscal.

O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, destacou na conferencia cos analistas a actividade da compañía en España e avanzou que espera que siga "nesta liña" no segundo cuarto de ano.

"Vimos de poñer en marcha proxectos importantes de Zara", comentou García Maceiras sobre lugares como o da praza de España en Madrid e o de Valencia coa tenda de Juan de Austria, e asegurou que seguirán "moi activos" nese sentido.

Subliñou deses proxectos o Zara da praza do Duque de Sevilla e precisou que se trata de tendas "máis grandes, mellores e máis agradables nas mellores localizacións”.

Para o segundo trimestre fiscal, Inditex concretou xa un incremento das vendas en tenda e en liña a tipo de cambio constante entre o 1 de maio e o 4 de xuño de 2023 do 16 % respecto ao mesmo período de 2022.

Todo iso prodúcese nun contexto no que Inditex ao 30 de abril ten abertas 5.801 tendas en 213 mercados (622 tendas menos que ao 30 de abril de 2022), pero cun crecemento bruto do espazo en 2023 que se situará ao redor do 3 %.

Inditex espera que a contribución do espazo á venda "sexa positiva" en 2023 e explica que "continúa experimentando unha evolución moi positiva" na venda en liña, da que estima unha "participación crecente" na venda total do grupo. 

Emilio Saracho deixará o seu posto no Consello de Administración de Inditex

Emilio Saracho, exvicepresidente de JP Morgan e expresidente do Banco Popular, abandonará en xullo o seu cargo como conselleiro independente de Inditex, informou a compañía na presentación dos seus resultados do primeiro trimestre fiscal.

Saracho foi nomeado conselleiro de Inditex en 2010 e desde 2016 é conselleiro de IAG.

Precisamente en 2016, Saracho foi elixido como presidente do Banco Popular, un cargo que ocupou ata mediados de 2017 ata a súa renuncia.

Posterioremente, foi investigado polo chamado "caso Popular" por unha presunta intervención no mercado previo á intervención da entidade bancaria e a venda ao Santander.

O Consello de Administración de Inditex acordou propoñer á Xunta xeral de accionistas que o número de membros do Consello quede fixado en dez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade