Inditex gaña 2.768 millóns noutro semestre de récod e eleva as vendas máis dun 7%
Inditex gaña 2.768 millóns noutro semestre de récod e eleva as vendas máis dun 7%
No primeiro semestre, a compañía realizou aperturas en 34 mercados e ao peche do período Inditex operaba 5.667 tendas
As vendas en tenda e en liña a tipo de cambio constante entre o 1 de agosto e o 8 de setembro de 2024 creceron un 11 % con respecto ao mesmo período de 2023
Inditex rexistrou un beneficio neto de 2.768 millóns de euros durante o primeiro semestre do seu exercicio fiscal 2024-2025 (entre o 1 de febreiro e o 31 de xullo), o cal supón un incremento do 10,1 % respecto ao mesmo período dun ano antes, segundo informou este mércores a compañía. Volve lograr novos récords cos seus resultados, aínda que con crecementos máis moderados, tal e como apuntaban os analistas.
Así mesmo, as vendas creceron un 7,2 % e alcanzaron os 18.065 millóns de euros, cunha evolución "moi satisfactoria" tanto en tenda como en liña, e "positiva" en todos os formatos, mentres que as vendas a tipo de cambio constante creceron un 10,2 %.
O resultado bruto de explotación (EBITDA), pola súa banda, creceu un 8,1 %, ata 5.040 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (EBIT) creceu un 11,9 %, ata 3.541 millóns de euros, e o resultado antes de impostos un 10,6 %, alcanzando os 3.598 millóns de euros.
A marxe bruta creceu un 7,5 %, ata 10.541 millóns de euros e situouse no 58,3 % das vendas, 19 puntos básicos encima do primeiro semestre do exercicio anterior.
"O deseño e a calidade da nosa proposta de moda e a experiencia que ofrecemos aos nosos clientes son, xunto á eficiencia e a crecente sustentabilidade das nosas operacións, as claves da solidez destes resultados. O noso modelo totalmente integrado continúa xerando oportunidades de crecemento rendible en todos os conceptos, rexións e canles", destacou o conselleiro delegado de Inditex Óscar García Maceiras.
A compañía subliñou ademais que as coleccións da campaña de outono/inverno foron "moi ben recibidas" polos seus clientes.
Así, as vendas en tenda e en liña a tipo de cambio constante entre o 1 de agosto e o 8 de setembro de 2024 creceron un 11 % con respecto ao mesmo período de 2023.
No primeiro semestre, a compañía realizou aperturas en 34 mercados e ao peche do período, Inditex operaba 5.667 tendas
Inditex destacou que todas as liñas de gasto mostraron unha evolución favorable.
Os fluxos xerados antes dos pagos por impostos sobre beneficios alcanzaron os 4.356 millóns de euros no seu primeiro semestre, cun incremento do 9 %.
Debido a diferenzas temporais nas devolucións fiscais por impostos sobre beneficios, os fluxos xerados situáronse en 3.527 millóns de euros.
A posición financeira neta creceu un 3,5 %, ata 10.911 millóns de euros ao peche do seu primeiro semestre fiscal.
A compañía aboará o dividendo final do exercicio 2023 (0,77 euros por acción) o próximo 4 de novembro.
Oportunidades de crecemento
Inditex asegurou que continúa vendo "grandes oportunidades de crecemento" e, neste sentido, sinalou que as súas prioridades son "a mellora continua da súa proposta de moda, a optimización da experiencia de cliente, o avance na sustentabilidade e a preservación do talento e o compromiso das súas persoas".
Inditex ten presenza en 214 mercados, cunha baixa cota en cada un deles e nun sector altamente fragmentado, polo que a compañía ve "fortes oportunidades de crecemento".
Inditex prevé que o crecemento do espazo bruto anual no período 2024-2026 sexa de ao redor do 5 % á vez que estima unha contribución positiva do espazo á venda anual nese período, en conxunción cunha "forte" evolución das vendas en liña.