Publicador de contidos
Publicador de contidos

Inditex gaña 5.381 millóns de euros en 2023, un 30 % máis, e pecha outro ano de récords

Inditex gaña 5.381 millóns de euros en 2023, un 30 % máis, e pecha outro ano de récords

A facturación de 2023 tamén rexistrou un novo récord, ao elevarse un 10,4 % sobre o máximo histórico do ano anterior e alcanzar os 35.947 millóns de euros

Segundo informou a compañía, elevará o dividendo un 28%, ata 1,54 euros por acción

G24.gal 13/03/2024 07:53 Última actualización 13/03/2024 20:44

O grupo téxtil Inditex gañou 5.381 millóns de euros durante o seu exercicio fiscal de 2023 (pechado o 31 de xaneiro de 2024), que supera nun 30,3 % o beneficio logrado no exercicio anterior, co que sela así dous anos consecutivos de resultados de récord.

Segundo detallou este mércores a maior cotizada española á Comisión Nacional do Mercado de Valores, a facturación de 2023 tamén rexistrou un novo récord, ao elevarse un 10,4 % sobre o máximo histórico do ano anterior e alcanzar os 35.947 millóns de euros.

As vendas tiveron unha evolución "moi satisfactoria" tanto en tendas físicas como en liña, positiva en todas as áreas xeográficas e en todos os formatos.

"O desempeño de Inditex en 2023 foi excelente. Os nosos equipos souberon aproveitar as oportunidades para seguir crecendo de forma rendible. Estamos a investir para impulsar o crecemento futuro e seguir ofrecendo unha remuneración atractiva aos accionistas", destacou o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras.

O consello de administración propoñerá á xunta xeral de accionistas un incremento do dividendo do 28 % para o exercicio 2023, ata 1,54 euros por acción, integrado por un dividendo ordinario de 1,04 euros e un dividendo extraordinario de 0,50 euros por acción. 

O resultado operativo (Ebitda) creceu un 13,9 %, ata 9.850 millóns de euros, e o resultado neto de explotación (Ebit) un 23,4 %, ata 6.809 millóns de euros. A compañía estima uns investimentos ordinarios de arredor de 1.800 millóns de euros en 2024. Estes investimentos dedicaranse principalmente á optimización do seu espazo comercial, a súa integración tecnolóxica e a mellora das plataformas en liña.

Así mesmo, acometerá un programa de investimentos extraordinario de dous anos centrado na expansión da capacidade loxística destinando 900 millóns de euros en cada un dos exercicios 2024 e 2025.

O tándem formado por Marta Ortega, filla do fundador da firma, e Óscar García-Maceiras, conselleiro delegado, rubrica os seus dous primeiros anos á fronte de Inditex con resultados nunca antes vistos na historia do xigante téxtil, propietario de Zara, entre outras marcas.

Amancio Ortega cobrará 2.854 millóns polo histórico dividendo

Amancio Ortega, fundador de Inditex, cobrará durante este ano uns 2.845 millóns de euros grazas ao histórico dividendo que o grupo téxtil prevé repartir nos próximos meses, en consonancia coas cifras de récord logradas pola maior empresa cotizada española no seu último exercicio fiscal, que foron difundidas este mércores.

Só pola súa participación en Inditex, que se mantén no 59,294 %, Ortega gañará este ano máis que o gañado por preto dunha trintena das 35 empresas do IBEX, entre elas Telefónica, Naturgy, Endesa, ACS, Ferrovial, Mapfre ou Indra.

A filla maior de Ortega, Sandra Ortega, que controla o 5,053 % da firma galega (ao contar cuns 157,5 millóns de accións), terá dereito a ingresar durante este ano uns 242,5 millóns de euros.

Plan de expansión

Neste 2024 Inditex anuncia un plan de expansión. Gastará 1.800 millóns de euros para ter máis capacidade loxística, principalmente en España. As previsións da multinacional que preside Marta Ortega apuntan a que van seguir medrando, e queren facelo dun xeito sostible. No acto de presentación de resultados, o conselleiro delegado, Óscar García Maceiras, avanzou que o obxectivo é que en 2023 todas as fibras utilizadas por Inditex sexan sostibles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade