Inditex marcou este mércores un máximo histórico na bolsa con 41 euros por acción
Inditex marcou este mércores un máximo histórico na bolsa con 41 euros por acción
É o seu nivel máis alto de peche en bolsa desde que comezou a cotizar en 2001
As accións do grupo Inditex, a compañía con máis peso de todo o mercado español, marcaron este mércores un novo máximo histórico ao peche bolsista ao cotizarse preto de 41 euros por título.
Este mércores, as súas accións terminaron cunha subida de 71 céntimos de euro, equivalentes ao 1,77%, ata 40,81 euros, o que supón o seu nivel máis alto de peche desde que comezou a cotizar en 2001. Durante a sesión marco un máximo intradía de 40,9 euros.
Na xornada previa, o grupo téxtil, propietario de marcas como Zara ou Pull&Bear, pechou a sesión por riba da barreira de 40 euros, en concreto, en 40,10 euros, tras subir o 1,08%.
O pasado 31 de xaneiro, Inditex batera o seu anterior máximo intradía tras chegar aos 40,10 euros.
Inditex rexistrou este mércores a segunda maior subida do IBEX 35, tras coñecerse un informe da firma Oddo BHF, que mellorou o seu prezo obxectivo (a medio prazo) ata 44 euros, desde 40,5 euros previos.
A mellora de valoración prodúcese unhas semanas antes de que Inditex presente os resultados de 2023, o próximo 13 de marzo, que segundo espera a firma, mostrarán crecemento tanto nas vendas como na marxe bruta.
A mesma firma prevé que o beneficio neto creza un 12%, e considera que o grupo está "moi ben posicionado para continuar gañando cota de mercado mentres defende as súas marxes".
Inditex superou este mércores os 126.941 millóns de euros de capitalización bolsista, un 80% superior ao da segunda compañía con máis peso do IBEX 35, Iberdrola, cunha capitalización de 70.303 millóns de euros.
No acumulado do ano, Inditex revalorízase o 3,5%. En 2023, a compañía subiu máis do 58% en bolsa.