Inditex reivindica a súa esencia e aposta por "seguir aproveitando" oportunidades
Inditex reivindica a súa esencia e aposta por "seguir aproveitando" oportunidades
Inditex pecha as contas de 2023 con cifras récord: as vendas creceron un 10 % e rozaron os 36.000 millóns de euros, o beneficio neto incrementouse un 30 % e superou os 5.000 millóns
Marta Ortega, a presidenta de Inditex, defendeu este martes a mestura entre innovación e arraigamento para seguir medrando en todo o mundo. Advirte de que están ante un contexto difícil, con competidores moi fortes, pero tamén di que a empresa, nacida en Galicia, está preparada para todos os desafíos.
Durante a súa intervención inicial, na xunta xeral de accionistas da compañía, Ortega referiuse a 2023 como un ano no que a "capacidade de superación" foi clave para enfrontar os grandes retos do seu negocio.
"Apostamos pola ilusión, a alegría e as emocións que xera a moda, unha moda que forma parte da cultura e da expresión individual de tantas e tantas persoas do mundo enteiro", dixo, e avogou por que a "creatividade" da compañía estea "ao alcance da maioría".
Desde o seu punto de vista, Inditex é unha "empresa de espírito novo" que "segue coa perspectiva do próximo, pero observando o mundo enteiro"; e recoñeceu o traballo dos seus profesionais, tamén dos equipos das tendas, "que fan posible que o proxecto siga máis vivo que nunca".
Galicia é o punto de referencia en cada un dos pasos que dá a compañía. En Arteixo presentaron os resultados históricos de 2023. As vendas creceron un 10 % e rozaron os 36.000 millóns de euros. E o beneficio neto incrementouse un 30 %; superou os 5.000 millóns. A solidez destas contas permite que a compañía invista en proxectos sostibles.
Para seguir por esta senda de resultados, Inditex vai entrar no capital dunha empresa pioneira en cultivo de algodón en laboratorio. Os directivos da téxtil apostan por proxectos que melloren a sostibilidade e a loxística. E a súa presidenta, Marta Ortega, considera que o seu mellor valor está na continua creatividade empresarial.
Na xunta de accionistas deste luns tamén foi nomeada como conselleira independente Belén Romana, que fora presidenta da Sareb, e Flora Pérez Marcote, muller de Amancio Ortega e nai da actual presidenta, é conselleira dominical, un posto pola súa vinculación cun accionariado significativo.