Industria prevé que a lei de recursos naturais abarate a electricidade de fogares e empresas
Industria prevé que a lei de recursos naturais abarate a electricidade de fogares e empresas
Segundo a conselleira de Economía e Industria, "a lei vai de obrigar os promotores a que repercutan parte dos beneficios do aproveitamento dos recursos naturais nos cidadáns"
Lorenzana acusa colectivos e partidos políticos "determinados" de "mentir" sobre Altri e pide ao PSdeG "que sexa coherente con Galicia e non coa Moncloa"
A lei de recursos naturais de Galicia superou o primeiro trámite parlamentario malia a oposición do BNG e do PSdeG, que a consideran privatizadora e discrecional. A conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, defendeu, na súa intervención, que é unha lei pioneira en España no aproveitamento dos recursos en beneficio dos cidadáns.
Nunha entrevista no programa Bos días da Televisión de Galicia, Lorenzana insistiu en que "a lei vai de obrigar os promotores privados ou os que executan concesións públicas a que repercutan parte dos beneficios dese aproveitamento dos recursos nos cidadáns". O xeito será "abaratando a enerxía eléctrica de fogares e industrias", explicou. "Todo isto o terán que xustificar na avaliación ambiental dos proxectos ou, en caso de que o proxecto non estea suxeito a avaliación ambiental, nun informe concreto onde xustificarán como trasladan eses beneficios", detallou a conselleira.
A partir da súa entrada en vigor, prevista "para o derradeiro trimestre do ano", a norma rexerá todos os proxectos de fontes renovables, recursos mineiros e concesión de augas. "Estarán obrigados en Galicia a que os beneficios queden no territorio; é unha vantaxe que non teñen noutros territorios: os galegos teñen que ser máis ricos porque somos máis ricos desde un punto de vista natural", afirmou.
Acusa colectivos e partidos políticos "determinados" de "mentir" sobre Altri
A Xunta de Galicia agarda dispoñer da declaración de impacto ambiental de Altri a principios de 2025, "favorable ou desfavorable". A fábrica de fibras téxtiles que a multinacional portuguesa pretende instalar en Palas de Rei (Lugo) recibiu máis de 23.000 alegacións durante o período de exposición pública.
"A responsabilidade do Goberno é, sobre todo, informar á poboación e, desde a información calquera alegación e posición é lexítima, pero eu pido que non se desinforme a cidadanía", reclamou. "Penso que hai determinados colectivos e partidos políticos que, de xeito deliberado, están desinformando, ou diría xa, mentindo sobre determinadas cuestións do proxecto, e isto é o que non pode ser", proseguiu. A titular de Economía e Industria aseverou que os requisitos ambientais na lexislación europea e española son elevadísimos: "A Xunta de Galicia, e ningún goberno en Europa, nin pode nin vai autorizar un proxecto que non sexa viable ambientalmente".
Segundo Lorenzana, "a tramitación ambiental é un informe de informes que analiza todos eses puntos sobre os que está preocupada lexitimamente a cidadanía: o control das augas, a afección do medio natural, o Camiño de Santiago, o patrimonio natural". A conselleira dixo confiar no traballo dos técnicos, que "están fartos de facer declaracións de impacto ambiental co cal, se non é viable, non vai saír adiante" e lembrou que o Goberno ten a responsabilidade de tramitar os proxetos que reciben. "Se é viable [Altri], vai cambiar a vida dos habitantes da zona centro do rural de Galicia porque son máis de 500 postos de traballo directos e 1.000 millóns de euros de investimento, polo que non é un proxecto desprezable ou sobre o que se poida mentir ou enganar, como se está a facer".
A multinacional lusa pide un apoio público do 20 % á operación e, segundo os seus promotores, hai seis meses que entregaron no Ministerio de Industria a documentación para solicitar unha axuda singular europea, como a concedida a Arcelormittal en Asturias por valor de máis de 450 millóns de euros. "Pedimos que non se castigue os proxectos galegos, e isto xa non é unha cuestión sobre Altri, que non se castigue a Galicia", esixiu, ao tempo que se dirixiu ao Partido Socialista: "Pido ao PSdeG que teña unha postura coherente con Galicia e non coherente con Moncloa".
Reclama ao ministerio "coherencia" no apoio ás electrointensivas
Sobre o proceso de venda da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Lugo), María Jesús Lorenzana lembrou a súa condición de industria electrointensiva e a importancia de "que se baixen os prezos eléctricos para este tipo de factorías".
"Onte [este martes] coñecemos os apoios do Goberno central ás electrointensivas, 300 millóns de euros, o que de novo é non apostar polas electrointensivas", porque, a xuízo da conselleira, "o Goberno podía achegar 900 millóns de euros e só vai repartir 300". A titular de Economía e Industria, que recoñece que o seu departamento está aliñado con Industria no proceso de acompañamento da venda da empresa e de revisión das ofertas, demandou "coherencia" ao ministerio co apoio que está facendo a Alcoa.
Sobre o previsible incumprimento do prazo dado para o mes de xuño para pechar a venda, Lorenzana lembrou que "dixemos desde o principio que ía ser un prazo moi xusto e que cómpren moitos meses para finalizar as negociacións".