Publicador de contidos
Publicador de contidos

Intensifícase a diplomacia para evitar unha guerra en Ucraína

Intensifícase a diplomacia para evitar unha guerra en Ucraína

Macron ofrécelle a Putin unha desescalada da tensión

Biden e Scholz reiteran as sancións a Rusia en caso de invasión

G24.gal 08/02/2022 08:22

Europa intensifica a diplomacia para evitar un conflito armado no leste europeo. O presidente francés reuniuse nas últimas horas con Putin e hoxe viaxará a Kiev para unha xuntanza co seu homólogo ucraíno. 

A xuntanza entre Macron e Putin durou máis de cinco horas, sentados a unha mesa que os separaba máis de catro metros. Como presidente aleatorio da UE, o francés ofreceulle ao seu homólogo ruso iniciar unha desescalada para evitar unha guerra en Europa. 

Putin dixo que algunhas das propostas formuladas por Macron son posibles e viables para buscar unha saída diplomática ao conflito, ao tempo que advertiu de que, se hai unha guerra, non haberá vencedores.

Na conferencia de prensa conxunta, reiterou que non ten intención de invadir Ucraína, pero tamén recordou que Rusia ten un arsenal nuclear, por se Ucraína tenta recuperar a península de Crimea. Porque, matizou, o seu país está sendo ameazado. 

A pesar das advertencias que soltou o presidente ruso, Macron dixo que Putin lle asegurara a súa disposición a comprometerse cunha saída pacífica e a manter a estabilidade e a integridade territorial de Ucraína. 

Tamén nas últimas horas se reunían en Washington o presidente dos Estados Unidos mais o chanceler alemán Olaf Scholz, no marco do Consello Bilateral de Enerxía. Sobre a mesa, o gasoduto Nord Stream 2, o proxecto ruso para levar gas a Alemaña. Biden repetiuno varias veces: se Rusia invade Ucraína, non haberá Nord Stream 2. 

Ao asunto non se referiu o chanceler alemán. Olaf Sholz evitou aclarar se está disposto a suspender os permisos para este gasoduto. Dixo que os aliados están unidos e que teñen a resposta en forma de sancións moi duras a Rusia en caso de invasión. 

Ante o peor escenario, Biden asegurou que están buscando outros produtores mundiais de gas natural alernativos á subministración rusa. 

A preocupación polo eventual desabastecemento enerxético no caso de invasión rusa centrou a reunión, tamén en Washington, entre o Alto Representante da Unión Europea Josep Borrell e mais o secretario de Estado dos EUA Antony Blinken.

Borrell volveu dicir que estamos no momento máis perigoso para a seguridade de Europa desde o final da Guerra Fría, pero subliñou que aínda é posible unha solución diplomática con Rusia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade