Non se constata que houbese mortos no lado español no asalto de Melilla
Non se constata que houbese mortos no lado español no asalto de Melilla
Si se ve que a policía marroquí actuou en territorio español e que non houbo unha atención sanitaria adecuada aos feridos
Interior critica que só viran un terzo das oito horas de gravación
Cinco meses despois da traxedia de Melilla os deputados da comisión de Interior tiveron acceso ao visionado a porta pechada de oito horas de gravacións. Houbo avalancha de inmigrantes en territorio español aínda que as imaxes non permiten constatar se houbo mortes nesa zona. O que si confirman é a intervención de forzas marroquís en solo español.
"Tres veces dixo Marlaska falso, falso, falso, nunca entrou ninguén de Marrocos a España. Hoxe sabemos que actuaron catro corpos marroquís en España", dixo Ana Vázquez, do PP.
"Vese claramente que actúan detendo e levando xente de territorio español e noutras imaxes incluso utilizando as súas defensas en territorio español", apuntaba o deputado de EH BIldu, Jon Iñarritu.
O PSOE di que efectivamente actuaron forzas marroquís en territorio español pero que o fixeron con autorización da Garda Civil.
PP, Ciudadanos e Vox inciden na inferioridade e os escasos dmedios da Garda Civil. E os partidos de esquerda, inclúido Unidas Podemos, na falta de atención e o incumprimento das normas na devolución dos inmigrantes.
"Poñen de manifesto que non se está garantindo a lexislación europea e española en fronteira" aseguraba Enirque Santiago de Unidas Podemos.
E Interior criticou que só visionaran un terzo das imaxes das oito horas de imaxes dispoñibles.
"Algúns non quixeron velo na súa integridade, só parcialmente. Que cadaquén saque as súas conclusións", apuntaba Grande-Marlaska.
Todos os grupos agás o PSOE esperan que o ministro dea máis explicacións o próximo mércores. Algúns non descartan pedir unha comisión de investigación por uns feitos que causaron polo menos a morte de 23 inmigrantes.