Investigan a agresión a un mozo de 16 anos nas festas de Praia América en Nigrán
A orixe da agresión puido estar nunha discusión provocada polos celos dun dos atacantes ante o saúdo da vítima a unha moza do seu grupo
Sucedeu nas festas de verán de Praia América. Segundo a Garda Civil, un grupo de persoas agrediu un menor de 16 anos propinándolle patadas e puñazos dos que tivo que ser atendido nun centro hospitalario. A orixe da agresión puido estar nunha discusión provocada polos celos dun dos atacantes ante o saúdo da vítima a unha moza do seu grupo.
Foi o pasado 31 de xullo, pero a denuncia chegou meses despois. Logo dunha minuciosa investigación con declaración de testemuñas e recoñecementos fotográficos, hai catro persoas investigadas como presuntas autoras da agresión. Un mozo de 18 anos e tres menores de 17 con domicilio no Porriño, Mos e Tui.
Segundo a Subdelegación do Goberno en Pontevedra a agresión produciuse no contexto dunha liorta entre mozos que gozaban do lecer nocturno nunhas festas de verán. Queda descartada a premeditación ou a participación de bandas organizadas. O menor agredido pesentaba lesións na cara, hematomas e fractura de pezas dentais. As dilixencias do caso están en mans da Fiscalía de Menores de Pontevedra e do xulgado de garda de Vigo.