Ingresa en prisión o home que matou a súa nai dunha malleira en Cerdedo-Cotobade
Ingresa en prisión o home que matou a súa nai dunha malleira en Cerdedo-Cotobade
O home, que tras ser detido pola Garda Civil foi ingresado na área de Psiquiatría do complexo hospitalario de Pontevedra, está investigado por homicidio
O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do home de 46 anos que matou a súa nai dunha malleira en Cerdedo-Cotobade.
A muller de 79 anos, que foi brutalmente atacada polo seu fillo o pasado 2 de xaneiro, faleceu tras quince días ingresada en estado crítico na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo como consecuencia das feridas que lle causou esta agresión. O home, que tras ser detido pola Garda Civil foi ingresado na área de Psiquiatría do complexo hospitalario de Pontevedra, está investigado por homicidio, segundo informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Os feitos ocorreron o pasado 2 de xaneiro na vivenda familiar, situada do lugar de Vila de Abaixo, na parroquia de Santa María de Sacos. Unha veciña da vítima deu a voz de alarma a través do 112 Galicia tras atopala tirada no chan despois de sufrir unha malleira que lle causou múltiples fracturas en distintas partes do corpo, como o cranio ou a zona costal.
Tras o ataque á súa nai, o agresor fuxiu e despois de percorrer os arredores da zona e parar en distintos puntos, regresou a casa, onde xa se atopaban os servizos médicos, a Garda Civil e un grupo de veciños. Segundo relatan fontes veciñais, falou con eles finxindo non saber nada e preguntoulles que ocorrera, pero como sospeitaban del, os veciños alertaron a Garda Civil.
Foi detido unha hora despois da malleira, sobre as tres da tarde, por un delito de homicidio en grao de tentativa, pero tras a morte da anciá a cualificación cambiou e impútaselle agora un delito de homicidio.