Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polémica en San Amaro tras a poda de carballos centenarios

Polémica en San Amaro tras a poda de carballos centenarios

Os veciños dunha das parroquias afectadas denuncian que o corte foi salvaxe e temen que as árbores acaben secando

Noutra, pola contra, din que era necesario para evitar accidentes pola caída de pólas

G24.gal 22/01/2025 13:59

"A min dáme pena, moita pena", "Unha desfeita. Aquí o domingo estaba toda a xente protestando". "A ver agora se retoña. Nós temos medo de que seque", comentan varios veciños tras a inesperada poda dos carballos centenarios da aldea.

As árbores foron podadas por indicación do concello e, en Anllo Pequeno, a menos dun quilómetro, había outra pero os veciños lograron que lle ocorrese o mesmo.

"Non lle deixaron porque hai uns anos podaron outro e secou". "Hai canas que se ve que están danadas, pero non fai falta cortar o de arriba, iso é unha bestialidade". "Sanealas pouco a pouco, eliminando o malo, aplicando tratamentos... pero non a poda salvaxe que fixeron", explican os veciños.

Desde o Concello sinalan que se fixo por motivos de seguridade, tras a caída de varias pólas secas, e seguindo as indicacións técnicas do distrito forestal da zona e os veciños das Neves de Grixoá, onde foron unha decena as árbores afectadas, afirman a necesidade desa medida.

"Naquela árbore caeu un polastro que case colle cinco persoas que estaban a visitar o cemiterio. Salváronse polos pelos". "Era moi xusto e moi necesario polos nenos, os maiores, os coches que aparcaban aí... e estaban todas as pólas colgando. Non me meto se está ben ou mal podado, que diso non entendo", relatan dúas veciñas de Grixoá.

Uns e outros agardan, iso si, que non sequen unhas árbores que, de tan antigas, forman parte da paisaxe histórica do lugar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade