O detido por matar a nai en Cerdedo-Cotobade declara este mércores ante o xuíz
O detido por matar a nai en Cerdedo-Cotobade declara este mércores ante o xuíz
Un informe forense determina que o home, ingresado en psiquiatría desde os feitos, está en condicións de declarar
O home detido por darlle á nai unha malleira que lle provocou a morte en Cerdedo-Cotobade pasará a disposición xudicial este mércores.
O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra recibiu este martes o informe requirido ao Instituto de Medicina Legal de Galicia sobre o estado do detido, ingresado na unidade de psiquiatría do hospital Montecelo.
O investigado ten 46 anos de idade e é veciño de Barro (Pontevedra).
Os feitos producíronse no mediodía do pasado 2 de xaneiro na vivenda da vítima, na parroquia de Santa María de Sacos, en Cerdedo-Cotobade.
A nai foi localizada tirada no chan por veciños, que chamaron os servizos de emerxencia. Foi evacuada en estado crítico ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde faleceu o venres 17 de xaneiro, 15 días despois da agresión.
O fillo foi arrestado nas inmediacións da casa, onde se concentraba un grupo de veciños que avisaron á Garda Civil da presenza do sospeitoso.