Publicador de contidos
Publicador de contidos

O enfermeiro agredido cunha arma branca no CHUAC está ingresado e hoxe podería ser dado de alta

O enfermeiro agredido cunha arma branca no CHUAC está ingresado e hoxe podería ser dado de alta

O ataque ao sanitario produciuse cando estaba atendendo un paciente na área de urxencias

Un garda de seguridade do centro tamén quedou ferido, aínda que de carácter leve

O conselleiro de Sanidade lamenta a agresión e avanza unha "análise estrita" do ocorrido

Concentración de protesta dos traballadores do CHUAC (EFE/Cabalar)
G24.gal 04/02/2025 10:02 Última actualización 04/02/2025 15:05

O enfermeiro agredido este luns cunha arma branca por un paciente no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) permanece estable e ingresado en planta e "probablemente reciba a alta hoxe mesmo", avanzou o conselleiro Sanidade conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Os feitos producíronse na tarde deste luns, por mor da chegada dun paciente que fora trasladado a urxencias polos servizos do 061. Fontes do CHUAC sinalaron que se trata dun doente da área psiquiátrica. Estaba a ser tratado cando feriu un enfermeiro cunha arma branca.

"Escoitamos berros. Ao compañeiro deulle unha puñada na cara e co coitelo agredino no abdome. Foi intervido e xa están en planta. Evoluciona favorablemente", explica Álex Gallego, enfermeiro que estaba no compartimento do lado.

Antes de que o agresor puidese ser reducido, tamén alcanzou un garda de seguridade do centro, que quedou ferido de carácter leve, con lesións no rostro, preto dun ollo.

"Un corte na cara e déronlle cinco puntos de sutura. E por desgraza é algo co que convivimos a cotío", engade Alex.

O agresor, que permanece no CHUAC custodiado por axentes da Policía Nacional, é reincidente. No 2015, xa agredira no mesmo hospital dous vixilantes de seguridade.

Os traballadores do centro hospitalario coruñés concentráronre este mediodía en sinal de repulsa por esta agresión e en demanda de medidas e protocolos de seguridade que atallen estas situacións.

Unhas 200 persoas acudiron este martes á porta de Urxencias cunha pancarta que dicía "stop agresións" e con cánticos como "mala xestión, Xerencia dimisión" e "coa nosa vida non se xoga".

A comisión de centro do CHUAC condenou as agresións e convocou esta concentración para garantir "unha contorna segura para pacientes e profesionais".

A presidenta da comisión de centro do hospital, María Formoso, sinalou que o ocorrido "non é un caso illado".

"Hai que ter unha previsión a través de protocolos de seguridade que garantan a seguridade dos traballadores e tamén a dos doentes", manifesta María Formoso. "Os profesionais non poden traballar en condicións de seguridade e saúde", manifestou, e explicou que "ao non haber camas, os pacientes que ingresan en saúde mental poden pasar seis días en Urxencias sen ser atendidos polos profesionais adecuados".

Desde o sindicato SATSE os seus voceiros no CHUAC foron moi críticos coa xerencia da área sanitaria, á que sinalaron por non tomar as medidas necesarias logo doutros incidentes anteriores.

O secretario de organización da Federación de Traballadores de Seguridade Privada de USO, Iván Blanco, indicou durante a concentración que hai unha "falta de medios" e levan "anos" tentando que a Xerencia o solucione, como que se lles facilite spray de defensa.

"Os nosos compañeiros non teñen medios para enfrontarse a este tipo de situacións", lamentou, e recoñeceu que "é moi frecuente que haxa agresións" e "os protocolos non están actualizados".

"Neste caso queremos dicir que hai un fallo de protocolo porque este paciente vén con Garda Civil, non foi cacheado, queda na sala de espera e cando o enfermeiro vaille dar o tratamento portaba o coitelo. E despois pasou o que pasou", di Iván Blanco.

O xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde, declarou que, ante esta situación, revisaranse os protocolos, así que o que "toca agora é traballar todos xuntos".

"O que toca agora é traballar todos xuntos. Temos convocado agora un comité de seguridade e saúde para analizar o acontecido, revisar os nosos protocolos para evitar que situacións coma estes se volvan repetir", di Luis Verde.

O conselleiro de Sanidade lamenta a agresión e avanza unha "análise estrita" do ocorrido

O conselleiro de Sanidade lamentou "moitísimo" a agresión ao enfermeiro e ao garda de seguridade no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. 

Ao preguntarlle sobre este incidente nunha conferencia de prensa na sede da Consellería, en Santiago, Gómez Caamaño confirmou que, antes de adoptar algunha medida, farase unha "análise estrita do que pasou" para comprobar "se os protocolos se cumpriron".

O conselleiro desvelou que falou "esta mañá" con Ismael, o enfermeiro agredido, e revelou que posiblemente hoxe recibise a alta.

Gómez Caamaño mostrou o seu "máximo rexeitamento" a estas agresións e asegurou que o "compromiso da Consellería cos profesionais é absoluto", ao brindar "apoio tanto psicolóxico como legal" aos traballadores que sofren episodios deste tipo.

Sobre se fará falta reforzar a seguridade ou algunha outra medida, como separar a pacientes psiquiátricos do resto en urxencias, o conselleiro insistiu en que se fará "unha análise causa-raíz", desde que o propio paciente "saíu da súa casa" e foi trasladado ao hospital polo 061, para "ver se os protocolos se cumpriron e se nalgún momento houbo algún erro".

"En función diso, verase se hai algo que modificar ou non", agregou. "Insisto, hai que investigar o que pasou. Non é lóxico que un paciente entre nun hospital cunha arma branca", dixo posteriormente, ao responder a outra pregunta.

Segundo os datos difundidos o ano pasado pola Policía Nacional, relativos ao exercicio de 2023, no conxunto de España tramitáronse 315 denuncias por agresións contra o persoal sanitario, un 30 % máis ca en 2022.

Os datos reflectían un total de 16 denuncias tramitadas en Galicia, coa Coruña como provincia galega con máis casos (8), seguida de Lugo (4), Ourense (3) e Pontevedra (1).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade