Irán executa en público un segundo condenado pola súa participación nas protestas que sacoden o país
Irán executa en público un segundo condenado pola súa participación nas protestas que sacoden o país
Irán executa en público un segundo condenado pola súa participación nas protestas que sacoden o país
Outros nove presos foron condenados á morte polas protestas e segundo Amnistía Internacional polo menos 28 acusados poderían ser condenados á forca
A Unión Europa prevé dar luz verde este luns a novas sancións contra responsables iranianos de violacións dos dereitos humanos
As autoridades iranianas executaron en público un segundo preso condenado pola súa participación nas protestas que sacoden o país, a pesar da onda de críticas internacionais tras o aforcamento do primeiro manifestante a semana pasada.
Majid Reza Rahnavard foi executado en público na cidade santa de Mashad (nordés) despois de que fose sentenciado á morte polo asasinato de dous axentes de seguridade, informou a axencia Mizan, do Poder Xudicial.
“Foi sentenciado a moprte por “guerra contra Deus”, por acoitelar ata a morte dous membros das forzas de seguridade”, explicou Mizan, que engadiu que ademais feriu supostamente outras catro persoas.
O mozo foi arrestado o 19 de novembro, acusado o 24, e o seu xuízo celebrouse o 29, o mesmo día en que foi condenado á morte despois de supostamente confesar os seus crimes, segundo Mizan.
Outros nove presos foron condenados á morte polas protestas e segundo Amnistía Internacional polo menos 28 acusados poderían ser condenados á forca. A execución de Rahnavard prodúcese catro días despois do primeiro aforcamento dun preso condenado por participar nas protesta desatadas pola morte de Mahsa Amini a mediados de setembro. O xoves Mohsen Shekari, de 23 anos, foi executado por ferir un basiji —miliciano islámico— cun coitelo, bloquear unha rúa e crear terror en Teherán. Esa execución provocou unha onda de condenas internacionais, especialmente desde países occidentais, que pediron a Irán que poña fin aos aforcamentos.
A Unión Europa prevé dar luz verde este luns a novas sancións contra responsables iranianos de violacións dos dereitos humanos, tras criticar duramente a execución de Shekari a semana pasada. (Axencia EFE)