Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel acusa a Sánchez de "incitar ao xenocidio xudeu" por recoñecer a Palestina

Israel acusa a Sánchez de "incitar ao xenocidio xudeu" por recoñecer a Palestina

"Ninguén nos intimida", advirte Albares a Israel

España prepara unha resposta "serena, firme e coordinada" con Noruega e Irlanda 

Israel Katz nunha foto de arquivo (Europa Press / Nicolas Landemard)
G24.gal 28/05/2024 09:38 Última actualización 28/05/2024 20:50

O recoñecemento por parte de España, Noruega e Irlanda de Palestina como Estado provocou xa as primeiras reaccións por parte de Israel.

O ministro de Exteriores israelí Israel Katz acusou este martes ao presidente do Goberno español de ser "cómplice de incitar ao xenocidio xudeu" por recoñecer o Estado palestino e por non despedir a vicepresidenta Yolanda Díaz cando dixo que "Palestina será libre desde o río ata o mar".

Nunha mensaxe na rede social X, tanto en español como en hebreo, Katz acusou a Díaz de buscar a eliminación de Israel e o establecemento dun "Estado terrorista" palestino e comparouna co líder supremo iraniano Ali Khamenei e co líder de Hamas en Gaza Yahya Sinwar.

 

Albares coordina con Irlanda e Noruega unha resposta "firme" ante Israel

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, anunciou este martes que falou cos seus colegas de Noruega e Irlanda para coordinar unha resposta "serena e firme" ante as "mentiras infames" e os "ataques" de Israel tras o recoñecemento de Palestina como Estado por parte dos tres países.

"Ninguén nos intimida", avisou Albares en rolda de prensa tras o Consello de Ministros, que aprobou na súa reunión de hoxe este recoñecemento do estado palestino. O ministro adiantou que haberá resposta pero no momento no que os tres países o decidan e non "cando outros queren con provocacións".

Remarcou Albares que o Goberno non "fai política reactiva a golpe de chío" e ninguén lle impedirá "apoiar a legalidade internacional, a xustiza, o sentimento profundo do pobo español cara a Palestina e tamén a amizade cara ao pobo de Israel".

"É o momento de dicir basta", di o embaixador de Palestina en España

As autoridades palestinas agradeceron o apoio de España e chaman a que o resto de países europeos sigan o seu exemplo.

"É o momento de dicir basta. O que fixo o presidente Sánchez é loitar en contra do xenocidio, pola xustiza, pola liberdade, pola humanidade e pola paz. É unha verdadeira contribución á paz", dixo Hosni Abdel Wahed, embaixador de Palestina en España,

Abbas agradece a decisión "valente" e "audaz"

O presidente palestino Mahmud Abbas agradeceu este martes o recoñecemento oficial de Palestina por parte de tres países europeos, decisión que cualificou de "valente" e que asegurou demostra un "consenso internacional" para poñer fin á guerra na Franxa de Gaza.

"A Presidencia palestina dá a benvida ás valentes e audaces posicións políticas europeas, especialmente as adoptadas por España, Irlanda e Noruega, que recoñeceron o Estado de Palestina", dixo hoxe Abbas nun comunicado divulgado pola axencia oficial de noticias palestina Wafa. 

Abbas aludiu tamén ás declaracións do alto representante da Unión Europea, Josep Borrell, que o domingo dixo desde Bruxelas que a solución dos dous estados "non é unha concesión dolorosa" nin unha ameaza á seguridade de Israel, senón "a única garantía a longo prazo" para a súa seguridade e prosperidade.

Segundo o presidente palestino, esta postura é "coherente coa posición oficial palestina, que subliñou repetidamente que as solucións militares e de seguridade fracasaron".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade