Continúa a evacuación de Gaza baixo as bombas tras vencer o ultimato de Israel
Continúa a evacuación de Gaza baixo as bombas tras vencer o ultimato de Israel
Máis de 400.000 persoas abandonaron as súas casas no norte da Franxa
A Comisión Europea anuncia que vai triplicar a axuda humanitaria na zona
Ás tres da tarde rematou o prazo de evacuación establecido por Israel para máis dun millón de habitantes que viven no norte de Gaza. A poboación que pode escapar continúa o seu éxodo cara ao sur por estradas colapsadas, sen un destino coñecido.
Son xa máis de 400.000 as persoas que deixaron atrás as súas casas. Outros, que non teñen xeito de escapar, agardan refuxiados sen subministración de auga nin de electricidade, nas casas ou en escolas de organizacións de axuda humanitaria mentres as bombas seguen a caer.
Os milleiros de persoas que precisan atención médica permanecen tamén nos hospitais sen medicamentos nin produtos sanitarios sabendo que dun momento a outro comezará a ofensiva por terra.
O voluntariado da Media Lúa Palestina négase a abandonar o norte da Franxa e deixar sós os máis vulnerables.
Axuda humanitaria
A Comisión Europea, que apoiou o dereito de Israel a defenderse dos ataques de Hamás, anunciou este sábado que triplicará a axuda humanitaria a Gaza, ata chegar aos 75 millóns de euros.
Do outro lado da fronteira, as tropas israelís agardan a orde de pasar á seguinte fase. Recibiron a visita do primeiro ministro Benjamin Netanyahu e nas últimas horas os servizos de intelixencia realizaron xa algunhas incursións terrestres.
As familias dos 150 reféns israelís capturados hai unha semana temen que sexan usados como escudos humanos.
Fronteira co Líbano
Na fronteira co Líbano continúa o intercambio de bombardeos entre Hizbula e as forzas israelís. O goberno deste país anunciou que porá unha queixa formal ante o Consello de Seguridade da ONU polo "asasinato deliberado" do cámara da axencia Reuters que morreu polo impacto dun proxectil cando traballaba na zona.
Mentres, aqueles que tratan de abandonar Gaza fan un chamamento a Exipto para que reabra o paso fronteirizo de Rafah, tanto para a saída de cidadáns estranxeiros (hai uns 200 españois) como para a entrada de axuda humanitaria.
Esta fronteira, a única que non controla Israel, foi bombardeada nos primeiros días do conflito e desde entón permanece pechada.