Israel bombardea o sur do Líbano nun "ataque preventivo" para frustrar un ataque de Hizbulá
Israel bombardea o sur do Líbano nun "ataque preventivo" para frustrar un ataque de Hizbulá
Tras a ofensiva cun cento de avións, Israel declarou o estado de emerxencia, e a milicia libanesa lanzou un ataque aéreo a grande escala con máis de 300 foguetes e drons
Horas despois o grupo xiíta anunciaba que rematou o seu ataque de represalia, polo asasinato do seu número dous e máximo comandante militar, Fuad Shukr, en xullo en Beirut
Unha nova fronte prendeu este domingo de madrugada en Oriente Medio co maior intercambio de fogo en dúas décadas con Hizbulá nun "ataque preventivo" israelí, na fronteira co Líbano.
Pouco antes da 4:00, hora galega, o exército israelí lanzou por sorpresa un bombardeo cun cento dos seus avións contra milleiros de lanzadeiras de foguetes en 40 zonas, na súa maioría no sur do país.
Hizbulá anunciou pouco despois a primeira fase da súa represalia polo asasinato en xullo do seu número dous, Fuad Shukr, con 320 foguetes e drons contra 11 bases militares israelís, que deu por "completada con éxito".
Pouco se sabe das consecuencias dos ataques cruzados, e polo momento o centro de operacións de Emerxencia do Ministerio de Saúde do Líbano informa de polo menos tres mortos, dous deles nun bombardeo en Al Tiri, no sur do pais, e un terceiro alcanzado por "drons israelís" en Khiam.
Israel lanzou esta madrugada unha serie de bombardeos a grande escala contra unhas 40 posicións do grupo no sur de Líbano para "frustrar un inminente ataque masivo" contra territorio israelí, segundo as autoridades.
"Seguiremos eliminando ameazas e atacando intensamente á organización terrorista Hizbulá", subliñou o voceiro. O portavoz para a prensa internacional do Exército israelí, Nadav Shoshani, detallou que os lanzafoguetes estaban concentrados nuns 40 lugares de lanzamento ao longo do sur de Líbano.
Aínda que a maioría estaban preparados para atacar o norte do país, algúns estaban dirixidos contra obxectivos no centro de Israel, que non puideron alcanzar grazas aos ataques israelís.
Shoshani subliñou que de momento se detectaron "moi poucos danos" no norte do país.
Israel define a operación como "defensa propia en tempo real".
O grupo libanés anunciou o inicio dun "ataque aéreo" a grande escala de represalia contra Israel con "un gran número de drons", que están dirixidos a "cualitativos obxectivos israelís" no interior do país.
Así o indicou o grupo en dous comunicados emitidos na madrugada do domingo, nos que sinalou ademais que os ataques lanzados nunha primeira fase foron "segundo o planeado" e alcanzaron polo menos once basees militares tanto en territorio de Israel como nos Altos do Golán, posicións de artillería e cuarteis.
Hizbulá anunciaba este domingo que "remataba por hoxe" o seu ataque de represalia contra Israel.
"A nosa operación militar de hoxe foi completada e lograda, encomiado sexa Deus Todopoderoso", dixo Hizbulá nun comunicado no que indicou que os drons de asalto cruzaron a divisoria "cara aos obxectivos previstos" en Israel e "desde múltiples camiños". Por outra banda, a formación aliada de Irán negou que os bombardeos "preventivos" efectuados por Israel contra varios sitios de lanzamento de Hizbulá no sur do Líbano interrompesen o ataque de represalia.
Israel restableceu o funcionamento do seu aeroporto internacional Ben Gurion, en Tel Aviv, tras un breve peche ocasionado polos bombardeos que lanzou o Exército israelí en Líbano ante a identificación dun inminente ataque masivo por parte do grupo xiíta Hizbulá.