Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel chama antisemita a Petro despois de que Colombia anuncie a ruptura de relacións

Israel chama antisemita a Petro despois de que Colombia anuncie a ruptura de relacións

Este xoves os colombianos rompen relacións con Israel polo "xenocidio" contra o pobo palestino

Gustavo Petro, presidente de Colombia. REUTERS/Luisa Gonzalez Gustavo Petro, presidente de Colombia. REUTERS/Luisa Gonzalez
G24.gal 01/05/2024 21:34

O ministro de Exteriores israelí Israel Katz cualificou este mércores o presidente de Colombia Gustavo Petro de "antisemita cheo de odio" tras o seu anuncio de que o país latinoamericano romperá este xoves relacións con Israel polo "xenocidio" contra o pobo palestino.

"O presidente de Colombia prometeu premiar os asasinos e violadores de Hamas, e hoxe cumpriu a súa promesa. A Historia lembrará que Gustavo Petro decidiu poñerse ao lado dos monstros máis desprezables coñecidos pola humanidade, que queimaron bebés, asasinaron nenos, violaron mulleres e secuestraron civís inocentes", dixo Katz hoxe na rede social X, tamén nunha mensaxe en español.

Pero o ministro tamén lembrou que as relacións entre ambos os países sempre foron "cálidas" e que un "presidente antisemita e cheo de odio non poderá cambiar iso".

A súa mensaxe prodúcese momentos despois de que Petro anunciase durante un discurso polo Día Internacional do Traballador que Colombia romperá este xoves relacións diplomáticas con Israel por ter un Goberno e "un presidente xenocida", segundo dixo nun acto en Bogotá.

"Hoxe a humanidade toda nas rúas, por millóns, está de acordo con nós e nós con ela", indicou Petro, quen manifestou: "Non pode ser, non pode volver, non poden chegar as épocas do xenocidio, do exterminio dun pobo enteiro ante os nosos ollos, ante a nosa pasividade".

O pasado 26 de marzo, Petro volveu reiterar os seus desexos de romper lazos se non se alcanzaba unha tregua "inmediata durante o mes do Ramadán" na Franxa de Gaza, como esixira o Consello de Seguridade da ONU.

"Se morre Palestina, morre a humanidade, e non a imos deixar morrer como non imos deixar morrer a humanidade", clamou Petro na tarima do Primeiro de Maio, desde onde quixo lembrar tamén os nenos gazatís e os bebés "que morreron esnaquizados polas bombas".

En case sete meses de guerra, en Gaza morreron máis de 34.500 palestinos, entre eles máis de 14.000 nenos, segundo datos do Ministerio de Sanidade gazatí, que depende do grupo islamita palestino Hamas.

O conflito devastou a Franxa de Gaza e condenou á fame máis dun millón de persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade