Máis de 13.000 persoas morreron en Gaza dende o inicio da guerra

O Exército israelí asegura que topou un "túnel terrorista" baixo o hospital Al Shifa

A Media Lúa Vermella evacúa 31 bebés prematuros en estado moi precario

Israel e Hamás ultiman un acordo para liberar reféns a cambio dun alto o fogo

 

A entrada do túnel difundida polo Exército israelí
G24.gal 19/11/2023 08:31 Última actualización 19/11/2023 21:23

O Exército israelí asegurou este sábado que atopou un túnel fortificado de 55 metros de longo debaixo do hospital Al Shifa, onde estaría o centro de mando de Hamas, segundo difundiu nas súas redes sociais.

O lugar está sitiado dende hai días e o centro sanitario quedou fóra de servizo polos bombardeos israelís. Nas últimas horas, a Media Lúa Vermella conseguía evacuar 31 bebés prematuros que permanecían no hospital.

Hai unha semana que os tiveran que sacar das incubadoras por falta de electricidade e de medicamentos. Oito morreron. O resto resistiron ata este sábado que foron evacuados e estabilizados para poder trasladalos a Exipto onde serán atendidos. 

“Descubrimos que incluso a auga coa que se facía a fórmula para bebés estaba contaminada porque non había maneira de potabilizala, o que lles provocaba vómitos, diarrea e perda de peso. Estaban baixando de peso, o que lles causou aínda danos máis graves", asegurou o director xeral de hospitais do Ministerio de Saúde. 

No hospital quedan aínda 260 pacientes críticos, moitos deles sen mobilidade, que esperan ser evacuados nos próximos días. 

Os que podían andar, pacientes e refuxiados, saíron cara ao sur, camiñando entre os cascallos do que era o seu barrio. Diríxense a uns campamentos onde milleiros de persoas chegaron antes e onde conviven amoreados debaixo das primeiras chuvias.

Xornalistas falecidos

Tampouco esta zona se libra dos bombardeos. Esta noite 31 persoas morreron durante os ataques aéreos ao sur, dous deles xornalistas que levaban desde o inicio da guerra narrando as explosións. Agárdase que nos próximos días chegue a invasión terrestre tamén ata aquí. 

Bebés prematuros evacuados do hospital Al Shifa Bebés prematuros evacuados do hospital Al Shifa

Negociación dun acordo

Mentres, Israel e Hamás ultiman un acordo para liberar decenas de reféns a cambio de cinco días de pausa nos bombardeos de Gaza, segundo publica o diario The Washington Post. Mediado por Qatar, podería poñerse en marcha nos próximos días. 

O pacto, segundo o rotativo, sería o primeiro cesamento do fogo sostido da ofensiva israelí dende o inicio da guerra. Permitiría a saída de menores e mulleres secuestrados polo grupo islamita e facilitaría a entrada de axuda humanitaria polo paso de Rafah.

Dende que comezou a ofensiva, os bombardeos israelís na Franxa deixaron máis de 13.000 vítimas mortais, 5.500 menores, segundo informa o goberno gazatí. No ataque de Hamás que desatou o conflito o 7 de outubro, o grupo islamita matou 1.200 persoas e secuestrou 240. 

A violencia continúa aumentando tamén en Cisxordania con varios ataques con vítimas mortais durante a fin de semana. A cifra de mortos desde o inicio da guerra nestes territorios supera xa os 200.

Secuestro dun cargueiro

Ademais, este domingo o Exército israelí denunciou o secuestro dun cargueiro no Mar Vermello, por parte da milicia de Iemen apoiada por Irán.

Aínda que inicialmente se pensou que tiña bandeira ou era propiedade israelí, as últimas informacións apunta cara a que se trata dun barco de propiedade británica.

Éxoto de poboación civil cara ao sur de Gaza Éxoto de poboación civil cara ao sur de Gaza

Ataque a un convoi de MSF

A organización Médicos Sen Fronteiras (MSF) denuncia que un dos seus colaboradores morreu e outro quedou ferido tras un ataque a un convoi que estaba a evacuar persoal da organización e as súas familias ao sur da franxa de Gaza.

"Onte, 18 de novembro de 2023, o familiar dun dos nosos traballadores morreu e outro resultou ferido nun ataque contra un convoi que tentaba evacuar 137 persoas, membros do noso persoal palestino e as súas familias (...). Estas persoas estiveran atrapadas durante unha semana nas nosas instalacións situadas preto do hospital Al Shifa de Gaza. Condenamos nos termos máis enérxicos este ataque deliberado", sinala MSF na súa páxina web oficial.

Segundo relata, o convoi estaba composto por cinco vehículos, "claramente marcados coa identificación de MSF", nos que viaxaban 137 persoas (membros do seu persoal palestino e familiares, entre eles 65 menores).

Desde o 11 de novembro, "estas persoas atopábanse atrapadas baixo o lume dos continuos combates e, desde entón, pediramos en repetidas ocasións que fosen evacuadas de xeito seguro". Médicos Sen Fronteiras insiste en que foi un "ataque deliberado".

Reitera "o seu chamamento a que se permita a evacuación urxente do seu persoal, así como a doutros miles de persoas, atrapadas polos combates e que viven en condicións extremadamente terribles no norte de Gaza".

As Forzas de Defensa de Israel están a realizar operacións contra o grupo islamita Hamas nas instalacións de Al Shifa, un dos principais centros hospitalarios de Gaza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade