Israel lanza unha operación a grande escala sobre Xenín, na Cisxordania ocupada
Israel lanza unha operación a grande escala sobre Xenín, na Cisxordania ocupada
O operativo hebreo deixa polo momento sete mortos, no que se cualifica como a maior escalada desde a Segunda Intifada
Israel defende a operación para "romper a dinámica terrorista", mentres a Autoridade Palestina condena o ataque e as milicias chaman a resistir
As forzas de seguridade de Israel lanzaron esta madrugada unha operación a grande escala sobre a localidade de Xenín, no norte da Cisxordania ocupada, foco do movemento miliciano palestino, nunha operación militar que continúa durante este luns e que xa deixou polo menos oito palestinos mortos e medio cento de feridos.
Xenín é un dos principais focos de resistencia armada palestina da rexión, e a incursión de hoxe é a de maior dimensión desde a Segunda Intifada (2000-2005).
"Como parte dun extenso esforzo antiterrorista en Xudea e Samaria (Cisxordania), as forzas de seguridade atacaron un centro de operacións, que serviu como centro de comando operativo conxunto da Brigada de Xenín no campamento de refuxiados", informou un portavoz do exército hebreo.
A ofensiva israelí, que comezou por aire e seguiu por terra, priorizou o centro de comando da Brigada de Xenín —que aglutina a todas as milicias de todas as faccións para combateren xuntas as tropas israelís—, que era utilizado tamén como centro de observación, coordinación e planificación, como almacén de armas e explosivos e como agocho doutros milicianos supostamente implicados en ataques nos últimos meses.
Mil soldados para "romper a dinámica dos terroristas"
Segundo o portavoz hebreo, a idea da operación é "romper a dinámica dos terroristas", cuxa estratexia era cometer ataques contra obxectivos israelís e correr a refuxiarse ao campo.
Na operación, que inclúe ataques aéreos, participan máis de 1.000 soldados, entre eles tropas de combate e tamén corpos de intelixencia, parte dos cales actúan de forma encuberta.
Segundo confirmou un portavoz militar a EFE, o exército arrestou tamén uns vinte palestinos como parte das súas redadas, centradas no campo de refuxiados de Xenín.
A operación prodúcese despois de que onte á noite o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu reunise o seu gabinete de seguridade para discutir a situación en Cisxordania.
Nunha incursión hai dúas semanas en Xenín, que durou nove horas e deixou sete palestinos mortos, usaron por primeira vez desde á Segunda Intifada helicópteros de combate, e tres días despois lanzaron o primeiro ataque aéreo con dron sobre ese territorio desde 2006, precisamente para o "asasinato selectivo" de tres milicianos da Brigada de Xenín que ían nun coche.
Entre ambos os episodios, dous membros de Hamas perpetraron un ataque no asentamento de Eli, ao norte da Cisxordania ocupada, no que morreron catro colonos, que seguiu a días de agresións de colonos a aldeas palestinas e elevou aínda máis a tensión na zona.
Autoridades palestinas condenan operación israelí, as milicias chaman á loita
A Autoridade Nacional Palestina, que goberna partes reducidas da Cisxordania ocupada, cualificou de "brutal agresión" a operación do exército israelí, mentres as milicias palestinas chaman a soster a loita armada.
"O noso pobo palestino non se axeonllará, non se renderá, non levantará a bandeira branca e permanecerá firme na súa terra fronte a esta brutal agresión ata que a ocupación sexa derrotada e se logre a liberdade", dixo o portavoz da Presidencia palestina Nabil Abu Rudeineh, segundo a axencia oficial Wafa.
Pola súa banda, o Ministerio de Exteriores palestino denunciou os "crimes israelís contra civís indefensos, incluídos ataques contra ambulancias, persoal médico e centros de saúde que privaron de primeiros auxilios os feridos, e tamén ataques contra mesquitas e fogares".
Do seu lado, as milicias instaron a continuar a loita armada.
"O inimigo sionista ten toda a responsabilidade por todas as consecuencias desta agresión. Xenín non se renderá e os nosos combatentes están decididos a enfrontarse e loitar sen importar os sacrificios", dixo nun comunicado a Xihad Islámica, grupo armado con ampla presenza na Cisxordania ocupada e a Franxa de Gaza.
Daud Shehab, líder do movemento, asegurou que mantén todas as "opcións abertas en termos de apoio ao pobo palestino e á resistencia en Xenín".
No pasado, milicias en Gaza lanzaron foguetes cara a Israel como represalia dos fortes operativos israelís en Cisxordania, o cal adoita desencadear unha resposta ofensiva aérea por parte de Israel sobre o densamente poboado e empobrecido enclave.
Hamas, o movemento islamita que goberna de facto en Gaza, chamou os habitantes de Cisxordania a que "apoien a Xenín e defendan o seu pobo para frustrar o plan do inimigo".
"O derramamento de sangue na terra de Xenín determinará a natureza da próxima etapa en todas as direccións e camiños. O noso pobo e a súa resistencia en todas as súas localidades saben responder a esta bárbara agresión", dixo o xefe do Buró Político de Hamas Ismail Haniyeh.
Cento cincuenta palestinos mortos en 2023
Cisxordania vive o seu maior pico de violencia desde a Segunda Intifada, e durante este 2023 morreron 150 palestinos no marco do conflito palestino-israelí, a maioría milicianos en enfrontamentos armados con tropas israelís, pero tamén civís, incluídos 23 menores.
En paralelo, este ano morreron 25 persoas ao lado israelí, a maioría colonos e cinco deles menores en ataques cometidos por palestinos.