Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel prepara unha resposta "seria e significativa" ao ataque de Irán e Hamas perde dous dos seus líderes

Israel prepara unha resposta "seria e significativa" ao ataque de Irán e Hamas perde dous dos seus líderes

Hamas anunciou a morte do comandante e da súa familia nun bombardeo israelí en territorio libanés

O xefe do Comando Central dos Estados Unidos, o xeneral Michael Erik Kurilla, chegou este sábado a Israel

Macron pide que os países deixen de subministrarlle armas a Israel no conflito en Gaza

G24.gal 05/10/2024 15:18 Última actualización 05/10/2024 17:09

O xefe do Comando Central dos Estados Unidos, o xeneral Michael Erik Kurilla, chegou este sábado a Israel, segundo o diario local Haaretz, para participar na coordinación da resposta do Estado hebreo ao ataque iraniano do martes.

A chegada de Kurilla esperábase para esta xornada, mentres Israel prepara a súa resposta ao ataque masivo da república islámica, que será "seria e significativa", dixeron esta tarde oficiais das forzas armadas.

A ofensiva no Líbano vai entrar nunha nova dimensión a partir desta fin de semana. Os israelís celebraban a fin da festa do aninovo, que supuxo unha pequena pausa no conflito, pero a ofensiva terrestre e aérea volve con forza desde este sábado.

Israel anunciou a morte de dous altos responsables de Hamas en dous ataques distintos, un deles en Trípoli, o primeiro das forzas hebreas contra esta cidade de maioría sunnita desde a guerra de 2006.

Os mortos son Muhammad Hussein Ali al Mahmud, parte da autoridade executiva de Hamas no país levantino, nun ataque do que non transcendeu máis información; e Said Alaa Naif Ali, alto cargo das brigadas Al Qasam, no bombardeo de Trípoli en que morreron tamén tres dos seus familiares.

O ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, aseguraba que teñen preparadas "máis sorpresas" para Hezbollah e que continuarán atacando ata que a súa infraestrutura quede destruída.

O loito estendeuse a Cisxordania, onde onte ao serán enterraban 18 vítimas do maior ataque israelí nesa área en 24 anos. O executivo hebreo alega que algúns pertencían a Hamas.

E regresamos ao Líbano coas imaxes duais da mañá do sábado. Por unha parte, a destrución no sur do país e nos barrio xiítas de Beirut. Esa faciana convive coa aparente normalidade que parece vivirse este sábado na fachada marítima da capital.

"Somos un país que ama a vida, así que pola noite case non durmimos e pola mañá espertamos para seguir adiante", di Claudine.

"Non podemos ir a ningunha parte, non podemos viaxar. Todo o país está en risco, pero temos que vivir. Que imos facer?, comenta Shamir, outro habitante da capital.

Mentres, continúan as especulacións sobre a resposta de Israel contra Irán. Joe Biden reiteraba onte o pedimento de moderación. Como reverso da moeda, Donald Trump apostaba por un ataque ás instalacións nucleares iranianas. "Atacar primeiro o material nuclear e preocuparse polo resto despois", esa é a súa proposta literal.
 

Subministración de armas

O presidente francés, Emmanuel Macron, pediu que os países sigan o exemplo galo e deixen de subministrarlle armas a Israel que sirvan para atacar a Franxa de Gaza. Segundo aseverou "non se loita contra o terrorismo sacrificando a poboación civil".

"Creo que, hoxe en día, a prioridade é que volvamos a unha solución política, que deixemos de enviar armas (a Israel) para levar a cabo os combates en Gaza. Francia non o fai", dixo Macron, nunha entrevista difundida este sábado na radio France Inter.

Macron non citou os países que deberían deixar de vender armamento ao Estado hebreo, pero Os Estados Unidos figuran, con diferenza, como o principal fornecedor. O mandatario advertiu que o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, ignorou parte da comunidade internacional.

"Creo que non somos escoitados. Xa llo volvín dicir ao primeiro ministro Netayahu e creo que é un erro, un erro tamén para a propia seguridade de Israel, porque vemos nas opinións públicas da rexión un resentimento que está a nacer", anotou.

O presidente considerou que o obxectivo é "evitar unha escalada" na rexión e volveu insistir en que "O Líbano non pode se converter nun novo Gaza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade