Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel segue a bombardear O Líbano a pesar das chamadas ao cesamento do fogo

Israel segue a bombardear O Líbano a pesar das chamadas ao cesamento do fogo

Os avións israelís continuaron castigando zonas do sur e o leste do país dos cedros durante esta madrugada e nas primeiras horas do día

Este mércores os Estados Unidos, O Canadá, Francia e Alemaña encabezaron unha declaración pedindo un cesamento do fogo de 21 días para favorecer o diálogo, proposta que xa rexeitou boa parte do gabinete do Goberno israelí

(Reuters/Amr Abdallah Dalsh)
G24.gal 26/09/2024 09:39 Última actualización 26/09/2024 11:38

Israel continuou durante a madrugada deste xoves coa súa campaña de bombardeos contra diferentes puntos do sur e do leste do Líbano, tras unha xornada que o mércores deixou cando menos 81 mortos e no medio dos múltiples chamamentos internacionais para un cesamento do fogo entre o Estado hebreo e o grupo xiíta Hezbollah.

A Axencia Nacional de Noticias libanesa (ANN) informou de que durante a madrugada e primeiras horas da mañá avións de combate israelís realizaron ataques contra unha decena de localidades situadas no oriental Val da Bekaa, un dos bastións da formación armada libanesa.

A maioría dos bombardeos concentráronse no sur do Líbano, de acordo coa ANN, que apuntou que se produciron máis desprazamentos desde esa rexión. Porén tamén os arredores da cidade de Hermel, no nordés, foron obxecto de ataques nocturnos.

Áreas do sur do Líbano bombardeadas por Israel (Reuters/Amr Abdallah Dalsh) Áreas do sur do Líbano bombardeadas por Israel (Reuters/Amr Abdallah Dalsh)

E todo despois de que morreran este mércores polo menos 81 persoas e centos máis resultaran feridas en ataques israelís no sur e o leste do Líbano, pero tamén ao norte de Beirut, unha zona que ata o de agora estivera fóra do radar do Exército israelí.

Proposta para un cesamento do fogo de 21 días

Mentres tanto, a comunidade internacional segue a facer múltiples chamamentos para alcanzar unha tregua no Líbano, onde os mortos xa se contan por centos desde o pasado luns. 

Os Estados Unidos e países aliados como O Canadá, Francia ou Alemaña, emitiron o mércores unha declaración conxunta na que pediron un cesamento do fogo de 21 días na fronteira entre Israel e o Líbano, coa intención de promover as negociacións sobre reféns entre Israel e Hamas. 

O embaixador libanés fala ante o Consello de Seguridade da ONU ante a mirada do seu homólogo israelí (Reuters/David Dee Delgado) O embaixador libanés fala ante o Consello de Seguridade da ONU ante a mirada do seu homólogo israelí (Reuters/David Dee Delgado)

A esa chamada ao cesamento do fogo durante 21 días sumáronse Australia, a Unión Europea, Italia, O Xapón, Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos, o Reino Unido e Qatar. A coordinadora especial da ONU para o Líbano, Jeanine Hennis-Plasschaert, aplaudía a iniciativa e pedía "aproveitar esta oportunidade" para lograr unha desescalada da violencia.

Israel rexeita o cesamento do fogo que daría "tempo ao inimigo"

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, viaxa cara a Nova York para participar na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, pero desde a súa oficina aseguraron que os combates continuarán "con toda a súa forza"varios dos seus ministros, sobre todo da dereita máis radical, rexeitaron xa a proposta dun cesamento do fogo de 21 días e subliñaron que só cabe a rendición da organización islamita.

"Non debemos dar tempo ao inimigo co fin que se recupere e se reorganice para continuar a guerra pasados 21 días", dixo o ministro de Finanzas, o radical e colono Bezalel Smotrich na rede social X.

Pola súa banda, a ministra abertamente homófoba Orit Struck, do partido de extrema dereita Sionismo Relixioso e encargada da carteira de Asentamentos e Misións Nacionais, dixo que non existe un "mandato moral para o cesamento do fogo. Nin durante 21 días nin durante 21 horas".

O ministro de Cultura, Miki Zohar, do partido Likud de Netanyahu, asegurou que espera que o acordo non se materialice, xa que, dixo, supoñería "un grave erro que pon en perigo os principais logros de seguridade en Israel dos últimos días".

Pola contra, o líder da oposición, Yair Lapid, urxiu a Israel a apoiar a proposta pero por un período de sete días, en lugar dos 21 suxeridos, "para non permitir que Hezbollah rehabilite os seus sistemas de mando e control".

Con todo, Israel segue adiante cos seus plans e nestes momentos xa se pode considerar que amais de Gaza hai unha segunda fronte de combate neste conflito. Este mércores o xefe do Estado Maior de Israel, Herzi Halevi, aseguraba que os ataques aéreos sobre o Líbano están a servir para preparar o terreo para unha posible incursión terrestre israelí contra Hezbollah.

Israel está despregando o seu exército ao sur da fronteira co Líbano (Reuters/Jim Urquhart) Israel está despregando o seu exército ao sur da fronteira co Líbano (Reuters/Jim Urquhart)

O Exército hebreo convocou dúas brigadas para realizar "misións" no norte. Halevi detallou que a posible "manobra" israelí consistiría en entrar en vilas do sur do Líbano que o grupo xiíta "converteu nunha gran base militar", para destruír a infraestrutura do grupo na zona.

A semana pasada, o Estado hebreo intensificou as súas accións con dúas ondas de explosións en miles de aparellos de comunicación en mans de integrantes de Hezbollah e un bombardeo dirixido contra comandantes da formación que deixou máis de medio cento de mortos nos arredores de Beirut, incluídos civís

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade