Publicador de contidos
Publicador de contidos

As primeiras reféns liberadas por Hamas tras o inicio da tregua xa están en Israel

As primeiras reféns liberadas por Hamas tras o inicio da tregua xa están en Israel

O grupo islamita entregou á Cruz Vermella as tres mulleres a cambio de 90 presos palestinos

Tres ministros de Benjamin Netanyahu dimitiron pouco despois de facerse efectivo o cesamento do fogo

Membros de Hamas entregan as reféns. REUTERS/Dawoud Abu Alkas
G24.gal 19/01/2025 08:09 Última actualización 19/01/2025 20:36

As brigadas Al Qasam, brazo armado de Hamas, entregáronlle este domingo á Cruz Vermella as tres reféns que acordaron liberar no primeiro día do cesamento do fogo en Gaza. O Exército hebreo recibiunas na fronteira e xa están xunto as súas familias en territorio israelí.

Son tres mulleres civís que regresan a casa despois de 471 días de cativerio, a cambio de 90 presos palestinos, segundo a acordo alcanzado por ambas as dúas partes.

Ás dez e cuarto deste domingo, hora galega, facíase efectiva a tregua temporal pactada entre o Goberno de Israel e os dirixentes de Hamas.

A alegría era visible na Franxa, especialmente entre os milicianos sobreviventes a 470 días de guerra aberta co exército hebreo.

Israel proclamou a entrada en vigor do alto o fogo, polo menos durante as próximas seis semanas, tras recibir a listaxe cos nomes das reféns.

A tregua provocou a dimisión de tres ministros de Netanyahu, entre os que figura o líder da ultradereita, desconformes con calquera pacto cos islamitas. 

Desde a sinatura do pacto entre ambas as dúas partes, os ataques xudeus mataron polo menos 139 persoas en Gaza.

Vehículos militares israelís na franxa de Gaza. REUTERS/Amir Cohen Vehículos militares israelís na franxa de Gaza. REUTERS/Amir Cohen

Inicio aprazado

O Executivo hebreo aprazara o inicio do alto o fogo previsto para as 7:30 horas porque Hamas aínda non comunicara as identidades das tres primeiras reféns que ían intercambiar. 

O grupo islamita, que xustificou o atraso por "razóns técnicas sobre o terreo", anunciou finalmente a través de Telegram a entrega á Cruz Vermella de tres mulleres: Romi Gonen, Doron Steinbrecher e Emily Damary.

Gonen, israelí romanesa de 24 anos, foi secuestrada durante o ataque ao festival de música Nova. Damary (a única refén con nacionalidade británica, de 28 anos) e Streinbrecher (31 anos) foron capturadas no kibutz Kfar Aza.

O próximo domingo serán liberadas outras catro mulleres secuestradas por Hamas. Nesta primeira fase do cesamento do fogo, os milicianos comprometéronse a liberar 33 das 94 persoas secuestradas que aínda permanecen no seu poder.

A cambio, Israel entregará este domingo arredor de 90 presos palestinos, que forman parte do total de 1.900 encarcerados e detidos que serán liberados nos vindeiros 42 días.

Poboación palestina tentra regresar aos seus fogares. REUTERS/Khalil Ramzi Poboación palestina tentra regresar aos seus fogares. REUTERS/Khalil Ramzi

Axuda humanitaria

A tregua tamén permitiu a entrada en Gaza desde Exipto de centos de camións con axuda humanitaria.

Dentro de dúas semanas tamén debería comezar unha nova rolda negociadora para un acordo de paz definitivo, que implicaría a liberación de todos os reféns e a teórica saída das tropas israelís das zonas ocupadas.

Unha familia palestina na cidade de Gaza este domingo. REUTERS/Mahmoud Issa Unha familia palestina na cidade de Gaza este domingo. REUTERS/Mahmoud Issa
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar