Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno de Netanyahu debate a aprobación do alto o fogo en Gaza

O Goberno de Netanyahu debate a aprobación do alto o fogo en Gaza

O gabinete de seguridade dá o visto e prace

Entraría en vigor o domingo coa liberación dalgúns dos 33 primeiros reféns

Benjamín Netanyahu, primeiro ministro de Israel. Reuters
Antón Montero 17/01/2025 20:37 Última actualización 17/01/2025 20:46

O Goberno israelí debate desde primeira hora da tarde se ratifica o acordo de alto o fogo con Hamas. Faino despois de que o gabinete de seguridade dese o seu visto e prace.

Dous ministros xa anunciaron o seu voto en contra: un deles, o de Seguridade Nacional, Itamar Ben Gvir, chamaba ao resto do gabinete a frear un acordo que só servirá, dixo, para que os terroristas se rearmen. 

De ratificarse, a tregua entraría en vigor o domingo ás doce e cuarto do mediodía. Calcúlase que a primeira hora da tarde serán liberados algúns dos 33 reféns que volverán á casa na primeira fase do plan entre eles dous nenos e tres maiores de 80 anos.

Os seus familiares volveron este venres á coñecida como praza dos reféns de Tel Aviv co desexo de parar o reloxo que marca xa case 470 días sen os seus.

"Calquera violación do acordo será unha sentenza de morte para eles", advertía a nai dun dos secuestrados. Outro espera recuperar o cadáver do seu fillo, e este confía en volver a ver o seu avó de 84 anos.

En Gaza, tamén esperan con ansia o momento en que deixen de soar as explosións, aínda que, como contaba unha muller, só sexa para non ter que esperar horas por un prato de comida.

A ONU estima que en canto reciba autorización poderá introducir na Franxa de Gaza ata 600 camións diarios de axuda, dez veces máis dos que entran hoxe.

A menos de 48 horas da tregua, o exército israelí intensifica os bombardeos: máis de cen palestinos morreron desde o anuncio do acordo entre Israel e Hamas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade