Netanyahu enturba o acordo de alto o fogo coa ameaza de paralizar o intercambio de reféns con Hamas
Netanyahu enturba o acordo de alto o fogo coa ameaza de paralizar o intercambio de reféns con Hamas
Para este domingo está pactado o cesamento do fogo na faixa de Gaza
Máis de cento vinte palestinos morreron a consecuencia dos bombardeos israelís sobre a faixa de Gaza, posteriores ó acordo de cesamento do fogo durante seis semanas entre o goberno israelí e os dirixentes palestinos de Hamas.
As autoridades israelís tamén denunciaron varios ataques das milicias de Hamas contra cidades como Tel Aviv, sen noticias de vítimas.
Os Estados Unidos e Donald Trump forzaron o cesamento do fogo
O acordo entre o goberno de Netanyahu e os islamitas de Hamas foi forzado en gran medida pola presión dos mediadores internacionais, Qatar, Exipto e sobre todo os Estados Unidos, onde Donald Trump quere comezar o seu novo mandato cun acordo de paz na zona, aínda que sexa temporal.
Oito membros do Goberno de Israel votaron en contra do pacto con Hamas
A presión internacional, e a presión interna dos familiares dos secuestrados, non conseguiron que o acordo de cesamento do fogo fose aprobado de xeito unánime polo Goberno de Israel, xa que oito dos 24 membros do executivo votaron en contra do pacto.
Netanyahu ameaza o intercambio se Hamas non di a identidade dos reféns
Se os xuíces e os imprevistos e desconfianzas entre as partes non o impiden, o acordo entrará en vigor este domingo ás oito e media da mañá na faixa de Gaza, unha hora menos en Galicia.
Na primeira fase deste intercambio, que será realizado como na ocasión anterior coa mediación da Cruz Vermella, Hamas entregará en varias quendas 33 dos 94 reféns secuestrados e Israel liberaría arredor de 1900 presos palestinos.
Este sábado o primeiro ministro israelí, Benxamín Netanyahu, lembrou que o cesamento do fogo é temporal, e ameazou con paralizar o intercambio se Hamas non concreta a identidade dos 33 reféns que deberían ser liberados este domingo, entre os que hai dous nenos pequenos.