Biden concede indultos preventivos para altos cargos ameazados por Trump
Biden concede indultos preventivos para altos cargos ameazados por Trump
Perdoa preventivamente a Fauci, que liderou a estratexia conta a epidemia da covid, e ao comité que investigou o asalto ao Capitolio
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, emitiu este luns un perdón preventivo a Anthony Fauci, que liderou a estratexia contra a epidemia de covid, o xeneral retirado Mark Milley e os integrantes do comité de investigación do asalto ao Capitolio para evitar que poidan ser castigados pola nova Administración de Donald Trump, que este luns asume a presidencia do país.
"Creo no Estado de dereito e son optimista en canto a que a fortaleza das nosas institucións xurídicas acabará prevalendo sobre a política", dixo Biden, quen lamentou "as investigacións infundadas e con motivacións políticas... Non fixeron nada malo, e, de feito, fixeron o correcto", asegurou.
Nun comunicado, a Casa Branca sinalou que os perdóns "non deben ser confundidos co recoñecemento de que estes individuos cometeron algún delito nin a súa aceptación debe ser malinterpretada como unha admisión de culpabilidade de calquera infracción".
"A nosa nación debe a estes servidores públicos unha débeda de gratitude polo seu incansable compromiso co noso país", engadiu.
Os perdóns preventivos son unha das últimas accións de Biden como presidente e prodúcese poucas horas antes de que Donald Trump asuma por segunda vez a presidencia de Estados Unidos ao mediodía deste luns.
Durante meses, Trump apuntou a cidadáns estadounidenses como "o inimigo" dentro do país e "máis perigosos que Rusia e China e outra xente" polo que nalgúns círculos políticos de Estados Unidos témese que o líder republicano actúe contra os seus críticos.
O doutor Fauci traballou durante a primeira administración Trump (2017-2021) como director do Instituto Nacional de Enfermidades Infecciosas e coordinou as accións de Estados Unidos contra a covid-19. Fauci foi o obxectivo de numerosos ataques por parte do universo de seguidores de Trump e outros grupos extremistas, como os antivacinas, que lle consideran responsable das políticas anticovid.
O comité de investigación do asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2020, o ataque co que os seguidores de Trump tentaron evitar que Biden chegase á presidencia de Estados Unidos, está composto por nove congresistas, sete demócratas, entre eles o senador Adam Schiff, e dous republicanos.
Os dous republicanos son Adam Kinzinger e Liz Cheney. Esta última liderou o comité de investigación e votou polo impeachment de Trump e apoiou na campaña electoral á candidata demócrata e vicepresidenta Kamala Harris.
Finalmente, o xeneral retirado Mark Milley foi xefe do Estado Maior (2019-2023) e foi especialmente crítico coas accións de Trump, ao que comparou cos nazis, durante o seu mandato e na xestión das protestas polos dereitos dos afroamericanos de 2020 nas que, segundo el, o presidente entrante chegoulle a pedir disparar contra os manifestantes.
Esta figura de inmunidade presidencial non ten claros precedentes, e o único paralelismo que se pode trazar é o do perdón do presidente Gerald Ford a Richard Nixon en 1974 sen que fose formalmente imputado polo escándalo do Watergate.
O perdón destas últimas horas de presidencia de Biden non se estendeu aos fiscais federais e estatais que imputaron e investigaron a Trump en casos de fraude electoral, uso indebido de fondos de campaña, polos que foi atopado culpable, ou polo uso de documentos clasificados.