Italia despide con honores o exprimeiro ministro Silvio Berlusconi
Italia despide con honores o exprimeiro ministro Silvio Berlusconi
Milleiros de persoas concéntranse ás portas da catedral de Milán para darlle o último adeus nun funeral sen precedentes no país
Italia despediu a Silvio Berlusconi nun funeral de Estado e con honras militares. Asistiron a plana maior do Goberno pero poucas autoridades europeas. En representación de España estivo o embaixador en Roma.
O féretro cos restos de Silvio Berlusconi cruzou toda a cidade de Milán en coche ata chegar á Catedral e foi recibido polos seus cinco fillos, a súa parella e entre aplausos de centos de cidadáns que se concentraban nas inmediacións, onde se colocaron pantallas xigantes para seguir a cerimonia.
No interior do templo agardaban as máximas autoridades do país e os 2.000 convidados ao funeral de Estado polo que foi tres veces primeiro ministro de Italia. Entre eles o xefe do Goberno de Hungría, Viktor Orban, o presidente de Iraq, o emir de Qatar e magnates do fútbol e do espectáculo.
O arcebispo de Milán referiuse a Berlusconi como un personaxe rodeado de fieis e detractores. A cerimonia, en que non se permitiu o discurso previsto dun dos fillos do falecido, durou unha hora e despois dela os seus restos foron cremados.
A decisión de concederlle un funeral de Estado a Berlusconi dividiu a sociedade italiana. Giorgia Meloni declarou ademais dous días de loito nacional, algo que xamais se fixera para un expresidente do Consello de Ministros.