Milleiros de persoas despiden a Navalni entre un forte dispositivo de seguridade
Milleiros de persoas despiden a Navalni entre un forte dispositivo de seguridade
Decenas de miles de seguidores de Navalni acudiron ao cemiterio de Borísovo con flores na man
A nai do opositor denunciou a semana pasada que as autoridades non lle entregaban o corpo do seu fillo
O líder da oposición rusa, Alexéi Navalni, foi enterrado este venres no cemiterio de Borísovo de Moscova. O féretro co corpo do político, que faleceu hai dúas semanas en circunstancias non esclarecidas nunha prisión ártica, chegou ao camposanto procedente dunha igrexa no sueste da capital rusa, onde se celebrou o velorio.
O corpo foi entregado á terra mentres soaba a canción My Way, de Frank Sinatra, unha das favoritas de Navalni, como destacaron os seus aliados, nunha transmisión en directo dende a cerimonia fúnebre.
Decenas de miles de seguidores de Navalni acudiron ao cemiterio de Borísovo con flores en man en espera de poder achegarse a súa tumba, pero non puideron acceder ao interior da igrexa para despedirse do opositor.
"Rusia será libre", "Rusia sen Putin", "Navalni", "Liosha (diminutivo de Alexéi), estamos contigo", coreaban os seguidores do político de camiño ao cemiterio.
Os moscovitas tamén pediron perdón aos pais de Navalni, cando estes abandonaban a igrexa tras o velorio. Foi a nai do opositor, Liudmila, quen denunciou a semana pasada que as autoridades non lle entregaban o corpo do seu fillo máis dunha semana despois da súa morte.