Iván Feijoo e Irene Trabazo triunfan no Campionato Galego de ciclocross
Iván Feijoo e Irene Trabazo triunfan no Campionato Galego de ciclocross
Os dous grandes favoritos non deron opción aos seus rivais no circuito de Maceda
A dúas semanas para a celebración dos Campionatos de España de ciclocross en Xátiva, a localidade ourensá de Maceda acolleu uns autonómicos pasados por auga e barro. Nas categorías elite os dous nomes marcados con lapis vermello non defraudaron. O alaricano Iván Feijoo corría na casa e venceu en homes, remontando a Miguel Rodríguez, vencedor en sub 23 . Nada máis rematar a carreira atendeu á Radio Galega.
"Tiven un problema co cambio na primeira volta e non puiden facer nada así que tocou remar contra corrente. Era unha carreira longa e tirei de veteranía para irme só na parte final. Nos Nacionais a ver que podemos facer porque Orts irá a por todas e quere avasallar"
Na proba feminina houbo máis diferencia e Irene Trabazo cumpriu os prognósticos.
"A lesión que tiven mermou esta temporada. Estou recuperando a forma, non ao cen por cen pero imos mellor. A choiva non fixo moita lama e iso favoreceume. Gústame o ciclocross e preparo todo o ano para dar o máximo. Nos campionatos de España, sendo o meu ano en elite, asino ser quinta. Imos motivados pero o nivel está noutro chanzo"