Javier Milei: "Miren onde miren, a situación da Arxentina é crítica"
Javier Milei: "Miren onde miren, a situación da Arxentina é crítica"
O novo presidente anunciou un "duro axuste" porque "non hai prata"
O presidente da Arxentina, Javier Milei, anunciou este domingo, no seu primeiro discurso como xefe de Estado, que aplicará un duro axuste e que haberá estanflación (unha inflación alta cun estancamento da economía) durante varios meses, pero prometeu que será "o último mal trago" antes da "reconstrución" do país.
"Lamentablemente, teño que dicilo de novo: non hai prata. A conclusión é que non hai alternativa ao axuste e non hai alternativa ao shock", aseverou tras tomar posesión do seu cargo.
O mandatario admitiu que o plan que vai aplicar terá un impacto negativo sobre o nivel de actividade, o emprego, os salarios reais e a taxa de pobreza e indixencia.
"Haberá 'estanflación', é certo, pero non é algo moi distinto ao que pasou nos últimos dous anos", sinalou.
Segundo dixo, a "herdanza" que deixa o kirchnerismo é a peor que recibiu nunca un goberno arxentino, cun déficit financeiro e fiscal equivalente ao 17 % do PIB, inflación que medra a unha taxa anual do 300 %, a actividade económica paralizada, unha taxa de pobreza do 45 % e un índice de indixencia próximo ao 10 %.
Ratificou que aplicará un axuste fiscal do 5 % do PIB que, prometeu, caerá "case totalmente" sobre o Estado e non sobre o sector privado.
Tamén confirmou que "limpará" os pasivos do Banco Central e poñerá fin á emisión monetaria que, ao seu xuízo, é a causa da elevada inflación na Arxentina.
Situación de emerxencia
Pero Milei advertiu de que non só o estado da economía é deplorable, senón que "en todas as esferas, miren onde miren, a situación da Arxentina é de emerxencia".
"A situación da Arxentina é crítica", insistiu Milei, vestido coa banda presidencial, desde unha tribuna instalada aos pés da escalinata do Congreso da Nación, en presenza dos principais representantes internacionais que acudiron ao acto e ante decenas de miles de persoas.
En materia de seguridade, dixo que o país "se converteu nun baño de sangue"; que unha das cidades máis importantes do país -en alusión a Rosario- foi "secuestrada" polo narcotráfico e que só se condena un 3 % dos delitos.
"Acabouse co siga, siga dos delincuentes", prometeu, e a xente coreou: "Policía, Policía".
Eido social e saúde
En materia social, asegurou que "a metade da poboación é pobre, co tecido social completamente roto", polo que uns 20 millóns de arxentinos "non poden vivir unha vida digna".
"Os plans contra a pobreza xeran máis pobreza (...) a única forma de saír da pobreza é con máis liberdade".
En materia de saúde, dixo que o "sistema se atopa completamente colapsado", porque hai hospitais "destruídos", médicos que cobran unha "miseria" e non hai servizo de saúde básica.
Milei criticou que o "Estado presente" do que falan os políticos é unha fórmula "para xustificar o aumento descomunal do gasto público que só lles beneficia" a eles.
Javier Milei será o presidente da Arxentina no período 2023-2027 tras gañar a segunda volta electoral, celebrada o 19 de novembro, ante o candidato oficialista, o ministro de Economía, Sergio Massa.