Jessica Bouzas, primeira tenista galega da historia que accede á terceira rolda de Wimbledon
Jessica Bouzas, primeira tenista galega da historia que accede á terceira rolda de Wimbledon
Venceu a Cristina Bucsa no duelo fraticida da xornada por 7-6 (1) e 6-3
O seu seguinte rival será a checa Barbora Krejcikova, gañadora de Roland Garros en 2021
A vilagarciá Jessica Bouzas mantén o seu idilio con Wimbledon e venceu a Cristina Bucsa no duelo fratricida da xornada por 7-6 (1) e 6-3. A galega deu continuidade á súa espectacular vitoria ante Marketa Vondrousova na pista central cun traballado triunfo ante Bucsa nunha das canchas exteriores. É a primeira tenista galega da historia que accede á terceira rolda de Wimbledon.
A pesar da presión que había sobre os seus ombreiros, tras a xesta ante Vondrousova, Bouzas levou a súa segunda vitoria en Grand Slam ante unha tenista máis experimentada como Bucsa, que xa contaba con vitorias en Wimbledon en anos anteriores. No primeiro set, a tónica habitual foron as roturas de servizo, con tres para cada bando, ademais das dúas pelotas de set que salvou Bucsa co saque de Bouzas. A galega non sufriu o golpe moral de deixar escapar esas dúas bólas e no desempate non deu opción. Un 7-1 para mandar sobre un partido que, como lle ocorreu contra Vondrousova, non deixou espazo para titubeos. Desde o 2-1 en contra, Bouzas levou os catro seguintes xogos e, a pesar de que tivo un punto de partido perdido co saque de Bucsa no 5-3, volveu refacerse para conseguir o seu segundo triunfo consecutivo en Wimbledon e gañar o dereito para estar na terceira rolda.
O seu seguinte rival será a checa Barbora Krejcikova, gañadora de Roland Garros en 2021, que se impuxo á estadounidense Katie Volynets en dous sets.
Jessica Bouzas Maneiro is moving on 🇪🇸
— Wimbledon (@Wimbledon) July 4, 2024
After her dream win in the 1R, the 21-year-old Spaniard beats Cristina Bucsa 7-6(1), 6-3 #Wimbledon pic.twitter.com/O3MBCY4PK1