Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban 150 cadeas de ouro nunha xoiaría de Vilagarcía

Rouban 150 cadeas de ouro nunha xoiaría de Vilagarcía

Os ladróns finxiron ser clientes e despistaron a propietaria

A policía busca os sospeitosos deste roubo organizado

G24.gal 12/11/2024 13:56

Sucedeu pouco antes das seis da tarde nunha céntrica xoiaría de Vilagarcía. Tres homes e unha muller entraron no establecemento coa suposta intención de mercar. Ao parecer, interesáronse por unhas cadeas de ouro e, mentres os homes despistaban a propietaria, a muller acabou levando toda a manta de xoias, unha 150 cadeas, segundo fontes policiais.

Comerciantes da Praza de Galicia e da rúa Rei Daviña, levan tempo denunciando pequenos pero constantes roubos nos seus establecementos. Pero ningún deste calibre.

"Teño visto algunha persoa escapando despois de roubar algunha prenda na tenda de deportes, pero a ese nivel de xente organizada, nunca", din no quiosco na praza.

"Estamos moi preocupados no comercio, eu levo dous anos coa tenda aberta e xa padecín varios roubos", engade a propietaria dunha tenda de roupa infantil.

Malia que a policía descarta que este tipo de roubos estean vinculados co da xoiaría, existe certa preocupación entre os comerciantes, que piden reforzar a vixilancia na zona.

"Cando chega un coche é porque pasou algo, pero non os ves na rúa patrullando. Sabemos que non teñen moitos efectivos, seguramente precisen máis. Pero nós tamén precisamos estar protexidos", incide a dona da tenda de roupa.

"Vilagarcía é un sitio estupendo e tranquilo para vivir, pero si penso que debería haber máis municipais a pe, non tanto nos coches", precisa outro comerciante.

Agardan que a policía dea pronto co paradoiro das catro persoas que roubaron na xoiaría. Un grupo organizado que, a cara descuberta e a plena luz do día, lograron un gran botín de ouro.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade