Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban en varias embarcacións no porto de Vilaxoán, en Vilagarcía

Rouban en varias embarcacións no porto de Vilaxoán, en Vilagarcía

Levaron combustible e aparatos de traballo dos barcos

Os mariñeiros piden máis vixilancia no peirao

G24.gal 29/10/2024 14:22 Última actualización 29/10/2024 15:31

Varias embarcacións foron asaltadas no porto de Vilaxoán a pasada fin de semana. A alarma saltou o luns: ían preparar o barco para retomar o traballo, e algúns descubriron que lles faltaban cousas. 

"Faltou un depósito de gasolina que lle sacaron o meu rapaz", conta José Alcalde. "Por pouco perde de ir traballar por culpa diso", engade. 

Din en Vilaxoán que xa roubaran combustible algunha vez no porto, pero parece que agora os cacos foron un paso máis alá. "Ultimamente atrevéronse a levar un remolque dunha embarcación, que non é fácil de levar" explica o patrón maior da confraría, Joaquín Santos. Di que -ademais do depósito de gasolina- roubaron un halador, que é un aparato para izar as redes. "Iso xa son cousas de moita importancia", di Santos. 

O halador que levaron estaba no peirao, listo para instalalo no O que crea. Aitor Ordás preparábase para arrancar a campaña da centola, e agora teme perdela. "Ese trebello anda polos 500 ou 600 euros -explica-, é un dano importante para nós porque comeza a campaña da centola nos próximos días e temos que ir facer un o taller". O problema, explica, é que os talleres "están saturados" e, se non dan feito un halador novo poden "incluso perder de traballar".

Non é a primeira vez que rouban no barco de Aitor. Bótalle a culpa á falta de vixilancia no peirao. "Dende as cinco da tarde e pola noite non hai nada -di-, e existe un sistema de videovixilancia que non está activo dende hai moito tempo". A iso xúntase que o porto está "nunha zona illada e con pouca luz" así que, para el, é "o cóctel perfecto".

E na confraría preocupa que ese "cóctel perfecto" provoque máis perdas. "Tes moita inseguridade" afirma o patrón maior. "Estás na casa preocupado por se che veñen roubar un aparello ou a gasolina ou facer outro tipo de dano", di Santos.

De momento non hai pistas nin testemuñas dos roubos desta fin de semana, e tampouco presentaron aínda denuncia por eles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade