Trump arremete contra un titubeante Biden no seu primeiro cara a cara
Trump arremete contra un titubeante Biden no seu primeiro cara a cara
O magnate culpou o actual presidente de arruinar no seu mandato todo o feito por el e de estar acabando cos EUA
Biden defendeu a súa xestión fronte ao seu predecesor, a quen acusou en múltiples ocasións de mentir
José Manuel Estévez Sáa: "Biden parecía que xustificaba o seu cargo ante Trump no debate"
A catro meses de enfrontarse nas urnas, os dous candidatos chegaban a este debate na CNN coas enquisas moi axustadas.
Coas eleccións máis polarizadas ca nunca, Trump e Biden nin se saudaron ao entrar no estudio e apenas se miraron na hora e media que durou o debate. Mostra do pouco afecto que se teñen, non tardaron os duros ataques persoais dun e doutro lado.
Pero, sen dúbida, o que resaltan hoxe os medios estadounidenses son as dificultades de Biden para seguir o fío dos ataques de Trump, aparentemente máis enérxico e agresivo.
O actual presidente pretendía demostrar que os seus 81 anos non o incapacitan nin o limitan para repetir na Casa Branca. Pero a dicir das crónicas, non o logrou. Os medios resaltan que Biden estivo dubitativo, confuso e por momentos rouco, supostamente por un arrefriado.
Á marxe dos ataques e contraataques, Trump recriminoulle ao actual inquilino da Casa Branca os datos da inflación e a súa política migratoria.
"Está estragando o país", espetoulle Trump. O momento en que se viu a Biden máis enfadado foi cando lle respondeu a Trump por dicir que os veteranos de guerra eran idiotas e perdedores.
"Ti es o idiota, ti es o perdedor", soltoulle Biden.