Publicador de contidos
Publicador de contidos

O escándalo das festas leva a Johnson a enfrontarse a unha moción de censura interna

O escándalo das festas leva a Johnson a enfrontarse a unha moción de censura interna

O presidente do comité que agrupa os deputados conservadores sen carteira confirmou que un número suficiente de parlamentarios solicitaron a votación

A moción vaise votar esta tarde e para superala Johnson precisa unha maioría simple entre os 359 parlamentarios tories

Boris Johnson: dunha vitoria histórica á súa caída en desgraza

G24.gal 06/06/2022 09:55 Última actualización 06/06/2022 11:39

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, será sometido este luns a unha moción de censura interna despois de que o Partido Conservador recibira as suficientes cartas para poñer en marcha a votación, anunciou a formación.

O presidente do chamado Comité 1922 (que agrupa os deputados conservadores sen carteira), Graham Brady, confirmou que un número suficiente de parlamentarios solicitaron a votación.

"Superouse o limiar do 15 % do partido parlamentario que busca un voto de confianza sobre o líder do Partido Conservador. En virtude das regras realizarase unha votación entre as 18:00 e as 20:00 horas do luns", hora de Londres, explicou Brady nun comunicado.

"Os votos serán contados inmediatamente", precisou.

Para que esta votación puidese saír adiante, o comité necesitaba recibir un mínimo de 54 cartas dos deputados para pedir unha votación interna ao non confiar na xestión do seu líder.

Johnson cre que a votación terminará coas conxecturas sobre o seu futuro

Boris Johnson considera que a votación de censura interna supón "unha oportunidade para poñer fin a meses de conxecturas" sobre o seu futuro político, informou unha portavoz da residencia oficial do número 10 de Downing Street.

"Esta noite é unha oportunidade para poñer fin a meses de conxecturas e permitir que o Goberno trace unha liña e siga adiante, cumprindo coas prioridades da xente", indicou a portavoz.

"O primeiro ministro agradece a oportunidade de defenderse ante os parlamentarios e lembraralles que cando están unidos e centrados nos temas que importan aos votantes, non existe unha forza política máis formidable (o Partido Conservador)", concluíu.

Escándalo das festas en Downing Street

O escándalo das festas durante a pandemia erosionou a imaxe pública de Johnson e esborrallou aos conservadores nas enquisas, que sofren ao mesmo tempo o desgaste pola crise do custo da vida.

Deputados tories de todas as faccións do partido, desde a sección máis dura, a dos partidarios do Brexit,  ata a máis moderada, expresaron nas últimas semanas un crecente descontento co seu propio primeiro ministro.

Non obstante, Johnson descartou dimitir a pesar da insistencia de membros do seu partido, incluso despois de que fose duramente criticado polo informe realizado pola funcionaria Sue Gray na súa investigación sobre esas festas na residencia oficial.

Funcionamento da votación

Os 359 deputados conservadores votarán se queren que Johnson continúe á fronte do partido e o Goberno. Unha maioría simple de 180 papeletas, ou o 50 % dos votos, será suficiente para decidir se o primeiro ministro segue ou cesa no cargo.

A votación é anónima, polo que ministros ou altos cargos do Goberno poderían votar contra Johnson sen que se saiba, polo que predicir o resultado é difícil.

A favor do primeiro ministro xoga o feito de que 160 parlamentarios do seu partido teñen algún cargo no executivo, que poderían perder se hai un cambio de primeiro ministro,

Se gaña a votación non podería convocarse unha nova moción contra el en doce meses.

En cambio, se os votos contra Johnson son 180 ou máis, o Partido Conservador deberá iniciar un proceso de primarias para elixir un novo líder. Aínda que non hai norma escrita a ese respecto, habitualmente o gañador asume a xefatura de Goberno sen que se convoquen unhas eleccións.

Esas primarias conservadoras poderán prolongarse durante preto de dous meses. Primeiro haberá que ver que candidatos se postulan e a partir de aí os deputados tories votarían entón en diversas roldas.

Nas dúas primeiras votacións, quedan eliminados quen non superen certo limiar de papeletas. Nas seguintes, o candidato con menos votos queda fóra. Así ata que só quedan dous aspirantes, que xa deberían someterse a unha elección entre os afiliados do partido. 

A última vez que se celebrou unha moción de censura interna, en decembro de 2018, a entón primeira ministra, Theresa May, sobreviviu á votación, aínda que dimitiu meses despois ante as presións dos seus propios correlixionarios no medio do turbulento proceso para negociar un acordo do Brexit.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade