José González: "O obxetivo para o sector cárnico é incrementar o prezo do que produce"
José González: "O obxetivo para o sector cárnico é incrementar o prezo do que produce"
A nova estratexia ata o 2030 componse de 64 medidas e 174 accións para gañar na profesionalización do sector, na súa internacionalización e incrementar o produto transformado
"Hai deberes para os produtores, a distribución, a industria e a Xunta de Galicia"
"Hai declaracións moi desafortunadas por parte de representantes do Goberno central no que se refire á defensa do sector cárnico", di o conselleiro de Medio Rural
O conselleiro de Medio Rural José González estivo na entrevista do programa informativo Bos días de Televisión de Galicia para falar do plan estratéxico da Xunta de Galicia para o sector cárnico ata o ano 2030, co obxectivo de situar a Galicia como unha "rexión produtora de referencia".
O responsable de Medio Rural comeza salientando a importancia que lle dá á planificación dos sectores económicos a medio e longo prazo con estratexias: "Así o fixemos coa estratexia de dinamización do sector lácteo, hai dous días anunciabamos a chegada de Reny Picot a Outeiro de Rei, unha noticia moi importante para o sector lácteo; fixémolo tamén co sector vitivinícola e agora quixemos abordar a estratexia dun sector tan importante como é o cárnico: falamos de máis de 43.000 explotación en toda Galicia".
"Eu quero agradecer o traballo que fixo o sector, porque o sector interveu, como se fixo nas anteriores estratexias, interviñeron máis de 80 axentes representando os produtores".
A nova estratexia para o sector cárnico ata o 2030 componse de 64 medidas e 174 accións
Explica José González que esta nova estratexia, ata o ano 2030, está composta por 64 medidas, 174 accións e ademais está vinculada a seis eixos estratéxicos, "co obxectivo de incrementar o valor engadido, o prezo que perciben os produtores polos seus produtos. Produtos de extraordinaria calidade que, por medio da promoción, lles temos que conseguir incrementar o seu prezo".
"Temos razas autóctonas e unha forma de facer gandería en Galicia que corresponde con esa calidade. Precisamos que o prezo se valorice e corresponda a esa calidade".
Salienta o conselleiro de Medio Rural que el é un defensor da sustentabilidade, pero: "O primeiro é a sustentabilidade económica das nosas explotacións".
"Hai deberes para os produtores, a distribución, a industria e a Xunta de Galicia"
Para acadar os obxectivos marcados na estratexia do sector cárnico, di o responsable de Medio Rural: "Hai deberes para os tres selos: para o sector productor, a distribución e para a industria; e tamén deberes para a consellería de Medio Rural. Queremos facer un acompañamento ao sector para acadar ese obxectivo".
"É preciso traballar cara a unha maior profesionalidade no que se refire á produción e transformar produtos con máis valor engadido"
Explica o conselleiro de Medio Rural: "É preciso traballar cara a unha maior profesionalidade no que se refire á produción, buscamos unha maior homoxeneidade no produto, manuais que xa se están desenvolvendo canda Denominación Xeográfica Protexida (DXP) Ternera Gallega, queremos incrementar o produto transformado en Galicia, ten que gañar tamaño a nosa industria de transformación pero tamén ten que transformar máis produtos de valor engadido, e queremos, da man da distribución, colocar o noso produto no mercado nacional e tamén no mercado internacional".
"Finalmente temos que facer promoción, así o fixemos este ano coa campaña de Ternera Gallega Suprema. Foi unha campaña moi positiva con transcendencia nacional, que supuxo un investimento de 1,4 millóns de euros, entre a IXP e a Xunta de Galicia".
"O sector sempre tivo axudas durante a pandemia"
Lembra o conselleiro que o sector sempre tivo axudas directas durante a pandemia: "Nove millóns de euros, 11,5 millóns o ano pasado e 17 millóns para este, que ademais se permitiron anticipar no 2022 para os que o desexaran, sen custo financeiro, porque se entendía que era un momento de moita dificultade pola invasión rusa de Ucraína, que incrementou os custes de produción, e incidiu especialmente no sector cárnico.
"Os prezos da carne non están subindo o suficiente en orixe para cubrir os custos de produción"
Lamenta José González que non están subindo o suficiente os prezos da carne en orixe para cubrir os custos de produción. Lembra que si subiu en orixe o prezo do leite pero que iso non está pasando coa carne e que o sector o está pasando mal.
Á crise provocada pola suba dos custos de produción, pola suba de prezos tras a guerra en Ucraína, di o conselleiro que tampouco axudan moitas das declaracións realizadas por parte de representantes do Goberno central.
"Hai declaracións moi desafortunadas por parte de representantes do Goberno central no que se refire á defensa do sector cárnico"
"Sobre isto temos que dicir que hai declaracións moi desafortunadas por parte de representantes do Goberno central no que se refire á defensa do sector cárnico, non só galego, ao español".
Salienta o conselleiro de Medio Rural que o sector gandeiro en Galicia non só ten un productor de extraordinaria calidade, tamén é un protector do territorio fronte aos incendios forestais.
"Son ganderías en que o benestar animal está totalmente garantido, e a calidade da súa produción, e polo tanto non entendemos que se tomen decisións como baixar o IVE dos produtos básicos pero non baixar o IVE da carne".
"Estamos a falar dun sector que o está a pasar moi mal e que toda axuda que veña polo incremento do prezo de venda é, dende logo, moi benvida", conclúe o responsable de Medio Rural.