José López Campos, sobre o pacto pola lingua: "Todos teremos que deixar algo das nosas posicións para chegar a un acordo"
José López Campos, sobre o pacto pola lingua: "Todos teremos que deixar algo das nosas posicións para chegar a un acordo"
José López Campos, sobre o pacto pola lingua: "Todos teremos que deixar algo das nosas posicións para chegar a un acordo"
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude di que cómpre mellorar o uso social do galego porque "a escola asegura as competencias"
"A realidade mudou e a sociedade cambiou moito e o idioma non é alleo a iso, pero se só facemos unha diagnose desde a política estará equivocada, precisamos un novo escenario desde o punto de vista da liberdade lingüística", apuntou López Campos nunha entrevista este mércores no programa Bos días da Televisión de Galicia.
De cara á convocatoria da mesa de traballo para a consecución dun pacto pola lingua, o conselleiro reiterou a necesidade de "sacar a lingua do debate político e conducila pola senda da negociación e do acordo". Neste sentido, puntualizou que "a confrontación política prexudica a lingua e polariza a sociedade". "Se este pacto pola lingua se mantén no tempo, é bo, porque quererá dicir que ninguén se levanta da mesa de negociación e a partir de aí todos teremos que deixar algo das nosas posicións para chegar a un acordo común".
O informe do IGE
A teor do informe do IGE, López Campos remarcou a oportunidade de poñer en marcha políticas de contacto coa lingua e coa cultura para "as máis de 130.000 persoas que retornaron nos últimos 5 anos".
"A enquisa acredita que as competencias se aprenden no ensino, e iso quere dicir que o decreto do galego funciona [...]; perdemos influencia nas familias, pero garantimos o ámbito escolar, polo que temos que mellorar o uso social do galego".
O titular de Cultura e Lingua da Xunta lembrou a posta en marcha da campaña "Saca a lingua que levas dentro" e do novo Plan de 50 medidas para dinamizar o uso do galego, políticas lingüísticas centradas nos neofalantes e nas persoas non nadas en Galicia para incrementar o prestixio e o uso do idioma, tamén entre a xente nova e nas redes sociais.