Ábalos denuncia a Garda Civil por interceptar comunicacións súas a pesar de ser aforado
Ábalos denuncia a Garda Civil por interceptar comunicacións súas a pesar de ser aforado
O exministro de Transporte asegura que interceptaron un sobre dirixido a el sen autorización xudicial
Ábalos nega "amaños" de concursos públicos, di estar "moi tranquilo" coa imputación do Supremo e cuestiona o pacto da fiscalía con de Aldama
O exministro de Transportes José Luis Ábalos denunciou a Garda Civil ante a Fiscalía Xeral do Estado por interceptar un sobre que ía a dirixido a el a pesar de estar aforado pola súa condición de deputado.
Segundo a súa denuncia, trátase de feitos delituosos de "suma gravidade" porque vulneran o seu dereito fundamental ao secreto das comunicacións.
Ábalos presentou esta denuncia o día despois de que o Supremo elevara ao Congreso o suplicatorio para poder investigalo e xulgalo, por catro delitos relacionados con integración en organización criminal, tráfico de influencias, suborno e malversación.
Ábalos presentou esta denuncia o día despois de que o Supremo elevase ao Congreso o suplicatorio para poder investigalo e xulgalo, por catro delitos relacionados con integración en organización criminal, tráfico de influencias, suborno e malversación.
Respecto a esa imputación o exministro dixo estar "moi tranquilo" e entende que o Supremo dea ese paso "tras o relato que se xerou tras estes once meses de incriminación". "Faise difícil non dar ese paso [por parte do tribunal]", recoñeceu Ábalos.
Con todo negou con rotundidade que houbese "ningún amaño". "Non é cuestión miña demostralo", afirmou.
Amais Ábalos negou que tivese ningún pacto con Koldo García para desmontar as acusacións do suposto conseguidor e comisionista da trama, Víctor de Aldama.
"Non hai ningún acordo; se a algún lle sorprende a coincidencia de opinións (entre Koldo García e el) e moléstalle que se contradiga a Aldama, é un problema del", dixo sobre de Aldama.
O que si cuestionou o exministro de Transportes foi o pacto alcanzado por de Aldama coa Fiscalía para a súa posta en liberdade a cambio de probas, "que tarda quince días en presentar" e que dixo eran "unha carpeta do Partido Socialista, unha carpeta do servizo de protocolo do Ministerio, un puñado de fotocopias dos Presupostos Xerais do Estado, subliñadas, que non se corresponden ao que din e que xa foron desmentidos".
"Eu esforceime máis", dixo Ábalos en referencia á documentación que presentou ante a xustiza.
Tamén negou ter un pacto co Goberno de Pedro Sánchez e o PSOE, o seu antigo partido, do que foi expulsado temporalmente despois de saír o seu nome en medios de comunicación en relación co caso Koldo.
"Non hai nin sequera conversacións, nada, cero, absolutamente cero. Ningún contacto, ningunha relación co Goberno nin coa dirección do partido", asegurou.
Doutra banda, afirmou que non tivo ningún enriquecemento ilícito xa que, segundo dixo, todo o mundo sabe como vive e de onde obtén os seus recursos, e subliñou que facilitaría todos os datos que fosen necesarios para demostralo por el mesmo "se tivese a tranquilidade" de que a súa información persoal "non ía ser rebentada, como foi ata o de agora".
Maroto nega que a mensaxe con Aldama teña relación cos casos Koldo e Hidrocarburos
A portavoz do PSOE-M no Concello de Madrid, Reyes Maroto, defendeu este xoves que as mensaxes que intercambiou co empresario Víctor de Aldama durante a súa etapa como ministra de Industria, Comercio e Turismo están relacionados cun proxecto de reactivación turística tras a pandemia de coronavirus.
Tamén asegurou que este “proxecto de reactivación turística” non ten “nada que ver” co caso Koldo nin co caso de Hidrocarburos, nos que está presuntamente implicado o empresario.
El Confidencial publica hoxe unha captura de pantalla cunha mensaxe de Maroto, entón ministra, co texto: “Bos días Víctor e desculpa o atraso, son días complicados no meu ministerio. Paseille o teu contacto ao novo director de Turespaña para que se poña en contacto contigo”.
Maroto asegurou que esa mensaxe corresponde a maio de 2020, en pleno traballo do Goberno por reactivar a economía e paliar o impacto da crise sanitaria no sector turístico.
“Este proxecto chegounos ao Ministerio, á Comunidade de Madrid e ao Concello, e non saíu adiante. Nada ten que ver cos casos de corrupción que se están investigando”, dixo para terminar insistindo en que sempre actuou con transparencia na súa xestión.