Joselu, único representante galego na prelista de De La Fuente
Joselu, único representante galego na prelista de De La Fuente
O seleccionador chama 29 xogadores e descartará tres antes do inicio da competición
Hoxe ás 11:00 tiña lugar no salón Luis Aragonés da Federación Española de Fútbol en Madrid o anuncio da prelista de convocados por España de cara á vindeira Eurocopa. O acto comezou coas intervencións de Iríbar, Capdevila e Fernando Torres en lembranza das tres Eurocopas que España gañou na súa historia, un representante por cada título:1964, 2008 e 2012. Minutos despois subiu ao escenario o seleccionador nacional que, tras dedicar unhas palabras de afecto ao ex-porteiro vasco e felicitar tamén a Joan Capdevila e Fernando Torres pola súa traxectoria, falou sobre o campionato e a convocatoria.
A selección española levará 29 xogadores, dos cales tres deberán ser descartados previamente ao inicio da competición e, segundo comentou De La Fuente, será antes do 7 de xuño. Os convocados son:
Porteiros: Unai Simón, David Raya e Álex Remiro.
Defensas: Le Normand, Laporte, Nacho, Vivian, Cubarsí, Grimaldo, Cucurella, Carvajal e Navas.
Centrocampistas: Rodri, Zubimendi, Fabián, Merino, Llorente, Álex Baena, Aleix García, Fermín e Pedri.
Atacantes: Nico Williams, Morata, Lamine Yamal, Joselu, Ferrán Torres, Ayoze Pérez, Oyarzabal e Dani Olmo.
O galego Joselu repite convocatoria ao mando de Luis de La Fuente tras ter acudido na pasada, nos amigables ante Colombia e Brasi. Pola contra non aparecen outros galegos que parecía que poderían entrar na convocatoria como son Iago Aspas, Brais Méndez ou Lucas Vázquez
En comparación á súa última selección Luis De La Fuente leva ao bético Ayoze Pérez, ao centrocampista do Xirona Aleix García, a Pedri(que na última lista estaba mancado), ao atlético Marcos Llorente, e aos madridistas Nacho e Carvajal, ademais do culé Fermín, na súa primeira convocatoria coa selección absoluta.
Fóra da lista quedan xogadores como Pedro Porro, Gerard Moreno, Pablo Sarabia ou Oihan Sancet que si estaban presentes na anterior convocatoria nacional.
O primeiro partido da Eurocopa será o día 15 de xuño ante Croacia en Berlín e, previamente, a selección xogará dous amigables: ante Andorra en Badaxoz o día 5 de xuño e ante Irlanda do Norte o 8 en Palma de Mallorca. O día seguinte a este segundo amigable a selección española viaxará directamente a Alemaña para comezar a concentración de cara á competición.