Publicador de contidos
Publicador de contidos

Julia López segue en activo con 91 anos no estudo de fotografía que fundara co seu home

Julia López segue en activo con 91 anos no estudo de fotografía que fundara co seu home

Di que prefire seguir en activo porque se sente útil e acompañada

Conta que algúns clientes se sorprenden ao vela á fronte do negocio

Foi unha das profesionais homenaxeadas polo Concello de Santiago no Día da Muller 

 

G24.gal 08/03/2024 15:42 Última actualización 08/03/2024 16:13

A piques de facer 92 anos, Julia acode cada día ao negocio que fundara co seu home, Foto Sandine, nos tempos en que se empezaba a abrir camiño a fotografía en cor. Enviuvou hai tres décadas e puido xubilarse hai moito, pero prefire seguir á fronte do estudo xunto co seu fillo. 

"Todos os días collo o autobús ás oito e media e marcho no autobús ás oito e media tamén. E traballo no que veña, para iso estou. Estou mellor aquí ca na casa".

Formalmente é unha xubilada en activo, o que a libera de certa parte da cotización e reduce á metade a súa pensión. Di que economicamente non lle compensa, pero si noutros aspectos. Gústalle contar con certa pillería que algúns clientes se sorprenden ao vela no negocio.  

"Cando te ven estribillar aí no ordenador, vente maior e din a señora non mo vai saber facer, e eu póñome e fágollo".

Julia di que comprende as reivindicacións das mulleres pola igualdade, aínda que ela recoñece que foi afortunada nese aspecto desde sempre, tanto na súa familia de orixe coma na que ela formou. Malia a que renunciou á súa vocación de mestra, que exerceu durante máis de dez anos, para incorporarse ao negocio familiar, di que non lle pesou porque así estivo cos seus fillos. 

Este ano foi unha das 17 profesionais homenaxeadas no Día da Muller polo Concello de Santiago, un recoñecemento que di que a tivo nerviosa e inqueda durante días, pero que finalmente a emocionou e lle gustou máis do que contaba.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade