Publicador de contidos
Publicador de contidos

O aprazamento da comisión frea o acordo de PP e Junts sobre o imposto eléctrico

O aprazamento da comisión frea o acordo de PP e Junts sobre o imposto eléctrico

Sánchez descarta someterse a unha moción de confianza e agarda aprobar uns novos presupostos xerais no primeiro trimestre de 2025

O PP pactou con Junts a emenda, apoiada tamén por ERC, PNV e Vox
G24.gal 10/12/2024 11:20 Última actualización 10/12/2024 21:35

O pacto do PP e Junts para suspender o imposto eléctrico viu atrasada a súa tramitación despois de que PSOE e Sumar decidisen este martes aprazar a reunión da mesa da Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso dos Deputados, que debía tramitar esa proposta.

A mesa da comisión, onde PSOE e Sumar teñen maioría, reuniuse para poñer data á reunión do órgano, pero tras o acordo entre PP e Junts, decidiron pospoñela sen unha data nova polo momento.

O PP e Junts pactaron na noite do luns unha emenda transaccional para suspender o imposto sobre o valor da produción eléctrica cando non exista déficit de tarifa (diferenza entre os ingresos e os custos do sistema eléctrico).

O obxectivo, segundo fontes do Grupo Popular, é baixar o prezo da factura eléctrica ás familias e empresas. En concreto, o Grupo Popular logrou incorporar a suspensión do imposto no informe do Relatorio do Proxecto de Lei polo que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Dende o PP, din, sempre tiveron claro que Pedro Sánchez "non é de fiar".  "Se Junts se decatou agora, benvido a este lado do muro", asegurou Miguel Tellado, voceiro do PP no Congreso.

Nas últimas horas, PP e Junts xuntos, lograron introducir unha emenda para suprimir un dos impostos da factura eléctrica. Para o voceiro popular, trátase dun "éxito parlamentario". Todo iso pese ao voto en contra dos dous socios do Goberno, PSOE e Sumar. A iniciativa prosperou porque contou ademais co apoio de Vox, ERC e PNV.

Non á moción de confianza

Pedro Sánchez non pensa someterse a unha cuestión de confianza, como lle pide Carles Puigdemont. "Evidentemente, non hai intención nin necesidade", dixo a voceira do Goberno, Pilar Alegría, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Pero a desconfianza no Goberno parece estenderse entre os socios. Podemos ve que remata o ano e aínda non viu a prórroga do imposto ás enerxéticas que se lle prometeu a cambio do seu apoio ao paquete fiscal. Se non chega, Podemos dará por "rota a confianza" co goberno e votará en contra da reforma fiscal cando volva ao Congreso tras pasar polo Senado.

Ante este incerto horizonte parlamentario, Sumar apela ao seu socio de coalición. "Todos os grupos, empezando polos grupos de goberno e polo propio PSOE, deben cumprir os pactos que fagan posible que se manteña a maioría", dixo en conferencia de prensa Gerardo Pisarello,  deputado de Sumar e secretario da Mesa do Congreso. 

Pero o PSOE insiste en que este Goberno "cumpre cos seus compromisos" e, por iso, prevé aprobar uns novos presupostos xerais no primeiro trimestre de 2025.

Aforro de 400 millóns para as familias

Fontes populares informan de que a suspensión deste imposto suporá un aforro estimado de 400 millóns para as familias españolas. No caso das pemes, o aforro será de 500 millóns, e de 200 millóns para grandes industrias. Así mesmo, desde o PP comentan que o resto de países da UE non teñen este imposto, polo que facía á industria española "menos competitiva".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade