Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un kamikaze provoca de madrugada un accidente múltiple en Tui

Un kamikaze provoca de madrugada un accidente múltiple en Tui

Tres feridos, un deles é o condutor que circulaba en sentido contrario, e o seu estado é grave

G24.gal 06/01/2025 13:27 Última actualización 06/01/2025 15:48

A Garda Civil de Tráfico investiga as causas e circunstancias  dun accidente múltiple en Tui. O condutor do vehículo que provocou as colisións circulaba en sentido contrario en dirección Portugal pola autovía A-55 á altura  do quilómetro 26 ás dúas da mañá A  Garda Civil xa lle seguía a pista, pero non puido evitar que colidise con outro vehículo que acabou na gabia e o segundo cun terceiro.  

"Eles deberon velo polas cámaras. Sabían que ían en sentido contrario, pero non lles deu tempo a chegar. Cando chegaron xa se producira o accidente", relata Óscar Álvarez, xefe dos Bombeiros do Porriño.

"Foi unha colisión frontal entre dous vehículos e un posterior choque por alcance dun terceiro. Quedaron dúas persoas feridas leves e unha de gravidade. Estamos investigando as causas pero todo apunta á condución en sentido contrario dun dos condutores",  asegura o capitán da Garda Civil Bruno Tato Varela.

O ferido grave é o condutor do vehículo que circulaba en sentido contrario probablemente desde Guillarei, un home brasileiro de preto de cincuenta anos. As feridas que presentaba impediron que se fixesen probas de alcoholemia, no hospital faráselle unha análise de sangue. Os feridos foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e a Povisa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade