Karim Benzema é o rei desta Liga de Campións
Karim Benzema é o rei desta Liga de Campións
O capitán do Real Madrid exhíbese cunha tripla no campo do Chelsea, vixente campión (1-3)
O Vilarreal colle unha pequena vantaxe diante do poderoso Bayern de Múnic (1-0)
Karim Benzema volveu destapar o tarro das esencias e demostrou ser o rei desta Liga de Campións. Ao igual que fixera na eliminatoria do París Saint Germain cun dobrete decisivo, desta volta asinou unha tripla no campo do vixente campión, o Chelsea, para marcar o paso dun Real Madrid que ten pé e medio nas semifinais grazas ao seu triunfo por 1-3.
No medio dunha chuvia incesante Benzema, que tantas veces empregou a cabeza para deseñar xogadas imposibles, meteu dúas cacholadas estratosféricas que calaron Stanford Bridge. O Chelsea víase superado pero antes do descanso Havertz deulle un alento.
Trinta segundos tardou Karim en atopar porta á volta do vestiario. Benzema tivo a actitude para presionar unha xogada que non semellaba ter perigo e provocou o erro entre o porteiro Mendy e o central Rudiger que o dianteiro francés non desaproveitou.
No outro partido de cuartos de final, o Vilarreal superou ao Bayern e irá a Alemaña cunha mínima vantaxe. Chegou o gol de Danjuma no minuto oito e un gran esforzo defensivo co que conseguiron parar a un equipo que se amosara demoledor ata o de agora na Champions (1-0).
Houbo un gol anulado a Coquelin por fóra de xogo no primeiro tempo e na segunda parte o Bayern tivo moita posesión e fixo moitos intentos pero sen claridade sobre a porta de Rulli. A mellor oportunidade foi para o Vilarreal, no minuto 87, cando o ex xogador do Lugo Pedraza puido anotar o segundo gol.