A capital ucraína resiste mentres Rusia intensifica os ataques en todo o país
Ucraína cifra en case 200 os civís mortos desde o comezo da invasión
Volodímir Zelenski pídelle ao Exército que non perda o control de Kiev
Rusia informa da destrución de 800 obxectivos militares na madrugada
O Exército ucraíno combate nas rúas de Kiev con unidades rusas, que estarían a bombardear unha gornición militar no oeste da capital do país. Segundo o Exército de Terra, a incursión inimiga está a ser rexeitada.
De acordo coas mesmas fontes, unha columna rusa, integrada por tanques, camións e outros vehículos militares, tentou avanzar na zona do metro Berestéiskaya, na avenida da Vitoria. É a liña que conduce ao corazón desta cidade de tres millóns de habitantes.
Segundo as autoridades ucraínas, as forzas aerotransportables rusas aterraron nun aeródromo na localidade de Vasilkov, que se atopa a menos de 40 quilómetros de Kiev.
En Kiev escoitáronse explosións que se deben, segundo as autoridades locais, ao ataque ruso dunha central térmica de Troieshchyna, no norte da capital, a máis potente de Ucraína.
A alcaldía de Kiev recoméndalle á poboación que non saia á rúa, nin se asome ás xanelas ou balcóns dos edificios.
"Nas rúas da nosa cidade teñen lugar nestes momentos intensas accións militares. Manteñan a calma e sexan moi precavidos", informou o Concello nun comunicado.
As alarmas antiaéreas soaron na cidade para pedirlle á cidadanía que se meta nos refuxios. O Pentágono dixo este venres ter "claros indicios" de que as forzas armadas de Ucraína están a lograr defenderse e que Rusia non está a avanzar como agardaba tras sufrir "retrocesos" nos seus plans.

Mensaxe de Zelenski
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, nunha mensaxe á nación esta madrugada, pediu ao Exército que non perda o control da capital. Segundo dixo, o destino de Ucraína está a decidirse agora mesmo e asegurou que o seu principal obxectivo "é poñer fin a este masacre".
O Goberno dos Estados Unidos está preparado para axudar o presidente ucraíno a escapar de Kiev para evitar ser capturado ou asasinado polas forzas rusas. Pero Zelenski nega unha eventual evacuación. Tamén desmente que lle ordenara ao Exército depoñer as armas ante o avance da ofensiva rusa sobre a capital.
"Agora na rede apareceu moita información falsa de que eu ordenei depoñer as armas e de que ten lugar unha evacuación. Eu estou aquí e non estamos a depoñer ningunha arma", dixo Zelenski nunha intervención gravada en vídeo.

Parte de guerra ruso
No parte matutino de guerra, as Forzas Armadas de Rusia informan da destrución durante a madrugada do sábado de máis de 800 obxectivos militares ucraínos con mísiles de cruceiro.
"Durante a noite as Forzas Armadas de Rusia (...) destruíron con mísiles de cruceiro terrestres e navais (...) 14 aeródromos militares, 19 postos de control e comunicacións, 24 sistemas de mísiles antiaéreos S-300 e Osa e 48 estacións de radares, entre outros", informou o portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Ígor Konashenkov, ao especificar que se tratou de 821 instalacións.
Ademais, informou da derriba de sete avións, sete helicópteros e nove drons ucraínos, e da aniquilación de oito lanchas de combate.
"Aniquilamos 87 tanques e vehículos blindados, 28 lanzadeiras múltiples e 118 vehículos e equipos militares", engadiu.
Segundo Konashenkov, as forzas rusas tomaron a cidade de Melitópol, situada no sur de Ucraína, onde "toman todas as medidas para garantir a seguridade da poboación civil e evitar provocacións dos servizos de intelixencia ucraínos e os nacionalistas".
En particular, acusounos de aplicar a estratexia de "terra arrasada" e destruír nas súas retiradas subestacións eléctricas e pontes. O portavoz de Defensa destacou o avance das milicias separatistas de Lugansk e Donetsk, que contan co apoio militar ruso.
Segundo Konashenkov, os milicianos da autoproclamada república de Lugansk avanzaron 30 quilómetros desde o inicio da operación rusa e controlan as localidades de Bajmútovka e Grechishkino, mentres que as milicias de Donetsk avanzaron seis quilómetros en dirección ao pobo de Novomáyskoye.

Parte ucraíno
Pola súa banda, o Ministerio de Defensa de Ucraína afirmou que durante a última xornada as perdas das tropas inimigas aumentaron, ao rexistrar a derriba de 14 avións e 8 helicópteros e a destrución de 102 tanques e 536 blindados.
Segundo a entidade castrense, os rusos terían perdido en combate máis de 3.000 efectivos. Ademais, cifra en case 200 os civís mortos desde o comezo da invasión.
