Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ligal, o laboratorio interprofesional do sector lácteo, fai 35 anos

Ligal, o laboratorio interprofesional do sector lácteo, fai 35 anos

Fai analíticas relacionadas co control leiteiro, a alimentación e a sanidade do gando vacún

Procesa 3 millóns de mostras ao ano con datos decisivos para a xestión das ganderías

 

G24.gal 27/11/2024 14:50 Última actualización 27/11/2024 16:18

Máis de 10.000 mostras de ganderías de toda Galicia entran cada día no laboratorio do Ligal, en Abegondo. Creouse hai 35 anos, como un instrumento imparcial entre os gandeiros e a industria para medir de xeito obxectivo a calidade do leite.

"Os resultados van a un boletín para os nosos clientes, que son os gandeiros e as industrias, e en base a eles se fai o pago da prima por calidade sobre o prezo base que paga a industria", explica Roberto Lorenzana Fernández, director xerente do Ligal.

Co paso dos anos ampliaron a carteira de servizos. Comezaron a facer analíticas relacionadas coa sanidade do gando ou coa alimentación nas granxas, de xeito que os gandeiros poden enviar mostras de silo, pensos ou auga.

"Unha parte moi importante do noso traballo son as analíticas individuais que facemos vaca por vaca para o control leiteiro. Despois temos tamén departamentos de análise instrumental cromatrográfica, microbiolóxica e fisico química", engade o director do centro.

En total procesan 3 millóns de mostras ao ano, cuxos resultados axudan na toma de decisións e no progreso do sector lácteo galego, onde cada vez hai menos granxas, pero máis grandes e eficientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade