Listas de espera nos garaxes da Coruña ante o aumento da demanda de prazas
Listas de espera nos garaxes da Coruña ante o aumento da demanda de prazas
O estacionamento é un problema diario para moitos cidadáns
Na Coruña, coma en moitas urbes, aparcar pode converterse nun suplicio. Na cidade hai ao redor de 140.000 vehículos matriculados. Non son máis que en anos anteriores, pero moitos cidadáns comparten a sensación de que estacionar é cada vez máis complicado.
"Sobre todo no centro. Aquí non hai garaxes públicos practicamente, e os que hai están a un prezo que non é moi accesible para a maioría da xente", láiase un viandante que recoñece que xa non colle o coche para moverse pola cidade.
A maioría dos garaxes privados teñen listas de espera para conseguir unha praza. Algúns non aceptan novos clientes. Nos últimos anos aumentaron en distintos barrios as zonas de aparcamento reservadas para os residentes e humanizáronse rúas antes abertas ao tráfico para darlles o protagonismo aos peóns.
"A cidade é para os peóns, pero hai que facelo tendo en conta que hai coches e que non se pode peonalizar todo", comenta un veciño.
Perdéronse prazas de aparcamento en favor dos que se moven a pé pola cidade, unha cidade que ademais, ten un número importante de obras en marcha. A demanda de prazas de aparcamento en garaxes coma este é a máis alta dos últimos anos.