O dianteiro Luís Fernandez volve a Galicia para asinar co Arenteiro
O dianteiro Luís Fernandez volve a Galicia para asinar co Arenteiro
O dianteiro de Burela (31 anos) formouse no Deportivo e estivo as últimas temporadas en Grecia, nos Emiratos Árabes e en Polonia
Luís Fernández regresa a Galicia e asina co Arenteiro ata o final da temporada. O dianteiro de Burela (31 anos) xa estaba adestrando cos do Carballiño desde había algún tempo despois de rematar a súa aventura en Polonia.
Formado nas categorías inferiores do Deportivo, destacou con 19 anos no Fabril con 21 goles e deu o salto ao primeiro equipo da man de Fernando Vázquez. Estivo no equipo que ascendeu a Primeira (13-14) marcando cinco tantos. Non contou para Víctor Fernández e tivo acomodo no Lugo de Quique Setién (14-15). Despois pasaría por Huesca, Alcorcón e UCAM Murcia na categoria de prata.
Os problemas de lesións trouxérono de volta ao Fabril con 24 anos onde se volveu a sentir futbolista e na 18-19 completou unha boa campaña no UCAM Murcia asinando 9 goles. En 2019 probou sorte en Grecia, no Asteras Trípoli, onde acabou de reconciliarse co fútbol. 17 goles en 45 partidos na Primeira Division grega foron uns números notables. O seu seguinte destino estivo nos Emiratos Árabes antes de marchar a Polonia no Wisla de Cracovia (19 goles na súa segunda temporada) e Lechia Gdansk.