Un mal inicio da segunda metade condena o Arenteiro en Zamora (3-0)
Un mal inicio da segunda metade condena o Arenteiro en Zamora (3-0)
Un córner e un penalti na continuación deixaron sen opcións os galegos
O Arenteiro marcha á parada con 26 puntos, a 2 da promoción de ascenso
O Arenteiro non puido sacar nada positivo do Ruta da Prata, onde o Zamora acadou xa cinco das seis vitorias que leva esta temporada.
Foi un partido que comezou con ritmo, pero que tivo moi poucas ocasións na primeira metade. Un erro na saída de Diego García estivo a piques de aproveitalo Tresaco. Houbo que agardar ata a media hora para ver o primeiro remate entre os tres paus do Arenteiro. Foi de Pascu, e parouno Fermín.
A segunda metade comezou moi mal para os galegos. Aos seis minutos, Carlos Gutiérrez abría a conta á saída dun córner. E, dez despois, João Dias cometía penalti sobre Roni, que Kike Märquez transformaba no 2-0. Castigo excesivo para un Arenteiro que non concedera excesivo perigo.
O equipo galego buscou a reacción de todos os xeitos, pero oito minutos despois, Joel Priego anotaba o terceiro nunha contra lanzada por Roni.
Aínda houbo tempo para que Adrián Cruz, un dos destacados desde a súa entrada no campo, vise o cartón vermello. A derrota deixa os do Carballiño con 26 puntos, a dous dos postos de promoción de ascenso.